Comeza a andar o proxecto g11n.net (http://www.g11n.net), ideado como
unha plataforma que facilite a localización de software libre á nosa
lingua mediante a posta en funcionamento dun conxunto de ferramentas
ofrecidas á comunidade e na que, de forma autoxestionada, as decisións
sexan debatidas e acordadas entre todos e todas. Para participar no
proxecto non é preciso ser un experto/a informático/a, pois calquer
persoa cun mínimo de interese pode facer achegas dende distintos eidos.

Das diversas propostas que teñen xurdido, identificouse a falta de xente
como un dos principais problemas estructurais, común a todos os
proxectos de galeguización. Para resolvelo, cremos que o sistema de
foros pode ser moi útil en canto que mellora a visibilidade da
comunidade no exterior..

A este efecto vimos de poñer en marcha un servizo comunitario de foros
abertos, accesibel xa dende o enderezo do proxecto (http://www.g11n.net).

Temos claro que tanto a estructura do proxecto como o funcionamento dos
foros son cuestións que deben ser decididas colectivamente; por eso
dende o principio queremos que quede claro que a estrutura actual é só
unha proposta que fazemos para que sirva de punto de partida.

A canle para tomar este tipo de decisións é o foro "Organiza" no que
dende xa convidamosche a participar, con só rexistrarte nos foros. Neste
sentido o rexistro é automático (non require autorización de ningún
administrador, tan so activación dende unha ligazón que recibirás por
correo) e dá dereito a participar no foro adicado á propia organización
(os visitantes non rexistrados poderán ler, pero non escribir, cousa que
si poden facer nos restantes foros).

Tal como xa fomos anunciando, a intención é montar un conxunto de
ferramentas postas a disposición da comunidade, autoxestionada, e en
ningún caso forma parte dos nosos obxectivos crear unha organización
propia separada das demais; trátase exclusivamente crear unha estructura
na que todos e todas teñamos cabida e da que poidamos facer uso libremente.

Chegados a este ponto, damos por rematado xa o proceso de posta en
marcha da infraestructura básica comunitaria de g11n para facilitar a
localización de software libre á nosa lingua, e comezamos os debates con
dous temas básicos: a estructura dos foros e a sua política de uso.

Se che presta, rexistrate, discute e decide.

-- 
---
      Saúde.
......................................................................
Alexandre Prieto. Vigo-Galiza.

CiberIrmandade da Fala: Por Galiza e a sua lingua propia, colabora
http://www.ciberirmandade.org

A defensa da lingua da Galiza, tamén na rede
......................................................................



Responderlle a