~ NoRMaS ~
Estes son os requisitos, dereitos e deberes de
seres membro. Como xa se explicou nas páxinas públicas do
grupo, esas normas básicas explicaranse mellor agora e poden variar
segundo as decisións que vaia tomando o grupo. Aquí van:
-
Antes de nada, tes que ter gañas de comprometerte con este proxecto;
suponse que se queres participar ten que ser dun xeito activo. Non se require
traducir ou facer un número determinado de documentos cada certo
tempo, pero tampouco é cuestión de estar por estar.
Disto derívase o seguinte: ata que non se publique o primeiro
documento feito ou traducido (tanto se se fai en solitario ou con outra
xente) non se terá o status de membro, senón de membro
provisional. Isto conleva a que non se terá necesariamente dereito
a decidir cousas importantes e cousas polo estilo, nin a estar rexistrad@
na páxina de membros.
Dixemos que non se require traducir ou facer un número determinado
de documentos cada certo tempo; pero sería razoable que a xente
fixese alomenos o equivalente a dous ou tres HOWTO's ao ano (unhas 50 páxinas
ao ano, é dicir, menos dunha por semana; e tendo en conta que moitas
veces non hai que traducir moitas cousas).
Isto non é unha especie de cuota, senón unha aproximación;
porque hai que ter en conta o feito ata ese momento por esa persoa, tarefas
adicionais que teña dentro do grupo (ocuparse de correxir erros
en documentos feitos por compañeiros, labores "diplomáticas"
como ocuparse de contactar con outros grupos, ...). Resumindo, o importante
é que o resto dos membros non teñan a sensación de
que non estás a facer nada.
E xa para rematar con isto, a última parte. Haberá casos
nos que se requira colaboración de varios membros para levar a cabo
a traducción / redacción dun documento ou serie deles que
deban facerse xuntos (por exemplo varios capítulos dunha guía).
Non é obrigatorio adquirir este compromiso, pero se se fai non se
pode retrasar inxustificadamente a labor do resto.
-
Polo momento só temos previsto traducir documentación (guías,
HOWTOs, FAQ's, páxinas do manual ou info, guías de usuari@
de aplicacións, ...) ou facela (tamén de calquera tipo).
O idioma será galego normativo, en principio.
A labor que lle corresponde a este grupo, alomenos polo momento, é
a de facer ou traducir documéntación do sistema GNU / LiNuX
en galego, en calquera das modalidades citadas. Como xa se explicará
tamén máis abaixo, farase polo xeral cun criterio de utilidade;
é dicir, é mellor facer un documento do tipo HOWTO ca páxinas
do manual por motivos evidentes: o HOWTO cubre temas máis xerais
e sobre unha serie de tarefas ou programas de características semellantes;
metres que as páxinas do manual son específicas para cada
aplicación e cambian entre versións. Así mesmo, @
usuari@ do documento no caso das páxinas do manual terá máis
problemas para velo correctamente (cambiar o xogo de caracteres para o
paxinador co que se ven as páxinas, crear ficheiros de perfís
persoais, etc) porque o vén preparado para inglés (sen tildes,
"ñ", ...)
O formato canon será o HTML para guías, HOWTOs e FAQs
por ser o máis proveitoso; e o TXT, PS e demais serán secundarios.
Darase un patrón para facer todos os documentos en HTML iguais para
todos os membros. Loxicamente, o formato do resto dos tipos será
o propio de cada un.
E o galego será normativo, porque outras modalidades son menos
coñecidas pola poboación e entón, aínda que
preferisen o galego, decantaríanse polo castelán ou inglés.
De todos os xeitos, procuraremos pornos en contacto con grupos de fala
portuguesa para tentar colaborar entre os grupos.
-
Es libre para escoller o que farás. Cando te decidas, só
tes que mandar unha mensaxe á lista (gzlinux@egroups.com)
dicindo o que estás facendo, para que outr@ non vaia facer o mesmo.
Tamén é posible pedir axuda a outr@s membr@s para o que sexa.
Efectivamente, a pesar das orientacións xerais, cadaquén
será libre para decidir os documentos que quere facer. Unha vez
escollido mandarás unha mensaxe á lista e aparecerá
nas páxinas privadas de documentos que ti o estas a facer. Por iso
é imprescindible mirar nesa páxina antes de decidirse por
un. Se pasado un tempo prudencial (arredor de catro meses por un documente
equivalente a un HOWTO) non o tes rematado, outro membro poderá
pedilo.
Ao facer un documento tes que ter en conta que serás o responsable
de correxir posibles erros, actualizalo e modificalo no caso de que fagan
unha nova versión do orixinal (no caso de traducir, claro).
Podes pedir axuda en calquera momento e por calquera motivo. Por exemplo,
se che gustaría traducir unha guía e ves que é longa
de máis para ti ou que tardarías moito tempo, pide axuda.
Nese caso, en principio serás ti o encargado de coordinar ás
persoas que estan traballando nel se é necesario.
- O grupo axudarache no que precises e aloxará os documentos. Hai
ademais dous tipos de servicios para axudache na tarefa: a lista de correo
(gzlinux@egroups.com) para coordinarnos
e comunicarnos entre nós e para que @s usuari@s se comuniquen connosco;
e as páxinas só para membros, para saber o que xa está
feito ou se está facendo, propor documentos que se poden traducir
(e o xeito de conseguir os orixinais) ou elaborar, ...
Os documentos que fagas loxicamente poñeranse na páxina
pública de documentos. Se precisas calquera tipo de axuda (dificultade
para conseguir o orixinal, liarte cos enlaces dos documentos HTML, ...)
axudarémosche.
Hai dous servicios interesantes que che axudarán na propia tarefa
que esteas realizando: a lista de correo e as páxinas privadas.
A lista de correo ten unha dobre finalidade: para comunicarnos entre
nós e para os que non estean no grupo se poidan comunicar connosco.
Ao pedir axuda, todos poderán vela, e non terás que ir un
por un pedindo axuda, coa incomodidade de ter que coñecer a todos
e todas as súas direccións. Poderás expoñer
ideas, votar en cuestións importantes, mandar mensaxes informativas,
... E a xente que non estea no grupo poderá mandar mensaxes para
unirse a nós, para axudarnos a correxir erros nos documentos, para
dicirnos que cousas baixou (así saberemos o máis demandado,
e se ninguén baixa un documento determinado non fará falta
que o andemos actualizando), ...
E a outra ferramenta interesante son as páxinas privadas, só
para os membros, que terán as seguintes seccións: unha páxina
de información na que aparecerán as decisións a tomar,
proxectos especiais, ...; esta propia, para novos membros ou para ver as
actualizacións destas normas; e a de documentos, na que se proporán
documentos para traducir ou facer, os que se estan a facer e onde conseguir
os orixinais.
- Todos os membros terán os mesmos dereitos, podendo expresarse na
lista de correo, propor ideas, propor votacións para temas importantes,
participar nas decisións do grupo, ...
Cando nos referimos a membros, estamos a dicir membros fixos e non
provisionais, que xa se explicou antes. Efectivamente, todos temos os mesmos
dereitos, o que significa que non hai ningún "xefe", "coordinador"
nin nada polo estilo. Isto conleva a que serán os membros máis
participativos os que levarán o temón do grupo. O que si
pode haber, e haberá, son encargados de diversas cousas: das páxinas,
lista de correo, de contactos con outros grupos, de proxectos específicos,
...
Cando alguén propón unha votación, informa mandando
unha mensaxe á lista. Logo esa información porase na páxina
privada de información e haberá dúas semanas, en circunstancias
normais, para votar e expoñer calquera tipo de opinión con
respecto a iso. En todo caso terase en conta o número de votos emitidos,
polo tanto non será necesario que vote máis da metade da
xente; así que hai que estar atent@ ao correo electrónico
;)
Todas as modificacións importantes das páxinas serán
comunicadas á lista, así como as decisións importantes
a tomar. Na páxina privada de información quedará
todo iso reflectido.
E se queres deixar de seres membro, avisa e non
fagas que a xente ande pendente de se te animas a facer un documento con
ela ou pasas de todo.
Fin da historia.
[ Principal ] [
Información ] [ Documentos
]