Ola a todos:

  O próximo 30 de Xuño vai-se votar no Parlamenteo Europeu unha directiva sobre
a patentabilidade do software. Esta directiva ten muita transcendéncia para o
software libre, e de feito de ser aprobada vai dificultar muito o seu
desenvolvemento, senon leva directamente a sua morte. Por iso chamo-vos a que
escribades aos eurodiputados españois solicitando o seu voto en contra da 
directiva.

Lista dos eurodiputados españois:
http://wwwdb.europarl.eu.int/ep5/owa/p_meps.short_list

Penso que importante informar aos eurodiputados socialistas, xa que ultimamente
o PSOE ten dado mostras de apreciar o software libre, e por outra parte a maior
defensora da directiva e unha diputada laborista inglesa.

A continuación vai unha carta que enviamos, un amigo e mais eu, a Camilo
Nogueira, e que pode servir como exemplo:

=================================================================

Estimado sr. Nogueira:

O próximo luns 30 de Xuño vai ser votada no parlamento europeu unha
directiva sobre a patentabilidade do software en Europa apresentada por
Arlene McCarthy do JURI. Na sua actual redacción esta directiva favorece
enormente as grandes empresas de software e dificulta enormemente o labor
das pequenas e medianas empresas, até o ponto de afogá-las. E nos non
coñecemos nengunha grande empresa de software europea. Ademais os efeitos
desta directiva sobre o software libre, un movimento altamente democrático
e cívico que deveria ser apoiado explicitamente polo BNG, pode ser
devastador. Por iso pedimos-te que votes EN CONTRA desta directiva. Cumpre
salientar que esta chamada que semella un  tanto serodia, é devida a que
votación, prevista para setembro, foi adiantada  para dificultar a
información dos eurodiputados.

Explicación da nosa posición:

Até o momento non son legais as patentes de software en Europa, xa que
están explicitamente excluidas do sistema de patentes. A razón é que os
programas informáticos son considerados tradicionalmente como algorítmos
matemáticos, xa cobertos polos direitos autorais (copyright).

Os avances no software son avances con un alto grado de abstración. No
entanto  as patentes tradicionais cobren invencións físicas e concretas,
as patentes de  software cobren ideas. No canto de patentar unha trampa
para ratos, con uns  mecanismos concretos, patenteian-se "medios para
atrapar dados nun ambiente  emulado" (EP 769170) con toda a xeralidade que
isto conleva. Isto ten dado  lugar a multiplos excesos nos paises onde as
ditas patentes son legais, USA e  Xapón. Asi muitas das patentes de
software existentes protexen ideas triviais e moi xerais.Evidentemente os
autores das patentes disfarzan as suas "invencións" para facé-las
semellar complexas[1]. Mesmo na Europa, onde as patentes de  software non son
legais, a Oficina de Patentes Europea (OPE) ten aceptado  muitas patentes
de software, moitas delas risíbeis[2].

Mais porque afectan as patentes triviais, xerais e risíbeis a industria de
software?. Porque son utilizadas como armas legais disuasorias.

Os custos de obter unha patente son mui elevados, e a maioria das pequenas
empresas non so pode permitir. Por outra parte a linguaxe das patentes é
muito complicada e son mui poucos os advogados que traballan neste mundo e
son mui caros, polo cal resulta practicamente imposíbel para unha pequena
empresa estar segura de que os seus programas non violen algunha patente,
non porque copiaran algunha idea prévia, senon porque chegaron de motu
próprio a mesma idea. No caso do software libre, onde há muitos programadores
traballan por libre o problemas ainda é maior.

As grandes empresas teñen cartos para obter patentes, e acumulan amplos
pacotes delas coas que poder:
a) negociar entre elas
b) afogar as pequenas

Muitas das patentes de software son ridículas, e posíbelmente serian
consideradas nulas nun tribunal, mais o prezo de manter un longo litíxio
non o pode pagar unha pequena empresa, e muito menos un indivíduo.

Esta situación ten levado a que nos EUA as empresas de software invistan
muito  mais en patentes, no proceso de obter a patente, que en
inovación[3].

Como consecuéncia a imensa maioria dos programadores europeos, e das
empresas de software europeas están en contra das patentes de software.
Asi o 4 de Abril fora apresentada no Parlamento Europeo unha petición con
140.000 sinaturas por unha Europa libre de patentes de software.

Ficamos ao teu dispor por se queres mais información[4]:

Ramón Flores
Antonio Pérez Casas


[1] Pode-se ver un bon exemplo de como se fai isto no seguinte enderezo:
http://linuxtoday.com/news_story.php3?ltsn=2000-05-26-004-04-OP-LF


[2] Como se pode comprobar en:
http://swpat.ffii.org/patents/index.en.html


[3] http://www.researchoninnovation.org/swpat.pdf


[4] Mais información na rede en:
    http://swpat.ffii.org
--
Para sair desta lista, manda un mail a trasno-requ...@ceu.fi.udc.es
poñendo "unsubscribe" na mensaxe

Responderlle a