LLISTA ARA I SEMPRE - AIS
_________________________
Bones tardes,
 
Molt interessant aquest comentari del secretari general d'UPG i dirigent del BNG, Paco 
Rodríguez, sobre la pel.li de n'Amenábar.
 
Salut i una enèrgica condemna a l'acte bàrbar i feixista de fa unes quantes matinades 
al Bosc de la Memòria de Calvià!
 
 
 Unha viaxe a Galiza

Por Francisco Rodríguez

Así considera tamén Amenábar a sua fita Mar adentro. Este é o seu aspecto máis 
senlleiro do ponto de vista sociolóxico. Cecais sexa o que fique máis no subconsciente 
dos espectadores, especialmente se son galegos e galegas. Tamén o que resulta máis 
agachado pola carga emotiva, enfática, de situacións dramáticas ou algo cómicas que 
procuran gañar ao grande público para a causa de Sampedro. Posibelmente, entre choros 
e risos, a simpatía co personaxe individual é tan determinante que mesmo dificulta 
reparar no contextual. É dicer, hai un xogo oportuno, pode ser mesmo intelixentemente 
oportunista, moitas veces a base de antíteses ou contrastes, para enredar ao público 
nunha dirección filosófica ou moral e facer facilmente consumíbel o filme.

CONTRASTE E ESTEREOTIPO

O contraste e mesmo o estereotipo están tamén presentes na forma de amostrar a 
sociedade galega, os seus comportamentos. O contexto galego está contrastado co 
contexto catalán. Habería que analisar se Mar adentro sería un filme tan exitoso e 
asimilábel polo mercado se quedase na súa parte do ambiente, da sociedade, dos 
personaxes galegos. Cabe afirmar que resultaría para moitos máis dura, “ rara”, 
contundente e coerente. Remataría cando Sampedro morre, exalando o sintomático “Xa 
vai”, usando a nosa lingua, a sua, conduta que contrasta co case exclusivo emprego do 
español que fai até entón. Velaí por onde chegamos a un dos aspectos onde menos se ten 
reparado, o que non deixa de ser indicativo de como está a consciencia colectiva sobre 
o noso idioma. Dá a impresión de que os espectadores galegos consideramos normal o que 
é unha conduta lingüística quebrada, destrutiva, anuladora do noso idioma. Os cataláns 
falan entre eles sempre catalán, para funcións de todo tipo, en ambientes non só
 familiares. Sampedro e a sua familia, os personaxes galegos, móvense entre dous 
polos, o uso exclusivo do galego, o irmán, e o uso exclusivo do español, as mulleres. 
Abalan os demais nun rexisto bilingüe diglósico, de menor presenza do noso idioma 
(Sampedro e o sobriño) a maior (o avó). Non vou negar que a tendencia lingüística que 
se expresa é real, verdadeira. Porén, non é críbel que, no ambiente familiar e para 
temas coloquiais, unha ama de casa de clase popular e unha traballadora da conserva 
non falen nen unha palabra en galego. Peaxe para que Mar adentro, unha fita española, 
non exceda a dose conveniente de diversidade lingüística, neste caso presenza do 
galego, con lendaxe incluida, ou simples emprego anecdótico, ambiental, para indicar a 
diferenza? En todo caso, o resultado non é inocente nen casual. Sendo tan evidente o 
contraste cos cataláns, leva a algunha reflexión aos espectadores galegos este 
panorama lingüístico desolador? Non parece que abonde o contraste. Sen
 dúbida, compriría algún elemento revelador, intencionado, non estático, na película a 
este respeito. Un empirismo falsificado, deseñado sobre unha tendencia lingüística 
verdadeira, non parece que axude a tomar conciencia aquí e agora.

Certamente non podemos esperar de cineastas de fóra o que dentro non somos quen de 
facer. Alguén argumentará que xa é moito que se nos teña en conta e mesmo se nos trate 
con certa dignidade. Porén, obxectivamente, o estereotipo roza o perigo da simpleza, 
case caricatura, no personaxe de Rosa, a moza despedida da fábrica, trasunto doutra 
muller real máis complexa, ou no de Javi, o sobriño, excesivamente paspán. E o irmán? 
O único unilingüe é tamén o máis brután, o menos comprensivo co desexo de morrer de 
Sampedro. Curiosamente, sálvao un estourido de carraxe na nosa língua que a dignifica 
e o xustifica (excepcional o noso Celso Bugallo) na sua actitude frente aos discursos 
ideolóxico-filosóficos de Ramón, un dos momentos de maior verdade de Mar adentro. 
Bardem borda precisamente o que de máis social hai no personaxe de Sampedro, os 
acenos, os tics, incluídos as frases feitas, que evocan a moitos individualistas 
galegos, ideoloxicamente progresistas, autodidactas, con tendencia ao
 cosmopolitismo e cunha consciencia nacional fráxil. A nosa Mabel Rivera, muller, nai, 
esposa, expresa máis que fala, dando vida ao personaxe máis matizado e conseguido no 
que ten de social e no que ten de individual, resignación, cepticismo, amor, unha rica 
sabedoría interior desde a experiencia e a comprensión do mundo, capaz de romper en 
rebeldía. Sería interesante saber até onde foron conscientes do que estaban a facer os 
guionistas, o director, e os actores galegos e non galegos, quen os asesorou (non me 
refiro a ese exacto galego dialectal) sobre o noso mundo, á marxe da sua intención 
evidente de defender a eutanasia através da historia de Sampedro. Por certo, 
incomprensibelmente, nas letras de crédito dise que Negra Sombra é música tradicional, 
cando a letra é de Rosalía e a música de Xoán Montes.

O resultado é expresivo. Artística e mesmo filosoficamente, a parte dos personaxes 
cataláns, especialmente esa suposta historia de amor de Sampedro coa avogada que 
interpreta Belén Rueda, co seu mesmo final, resulta un pegado ou un contributo ao 
simplismo maniqueo. Podía anularse ou reducirse. Mais seguro que para o oportunismo 
intelixente dun cineasta que manexa moi ben as chaves do mercado e das posibilidades 
de xogar coa diversidade cultural e lingüística estaban claros os límites. Interesante 
esta experiencia artística de Amenábar. Suxeridora esta sua viaxe a Galiza. Lémbranos 
canto necesitamos un cinema galego…



                
---------------------------------
Do you Yahoo!?
Read only the mail you want - Yahoo! Mail SpamGuard.
_______________________________________
Agenda i plana web: http://www.araisempre.org
Per enviar correus a la llista: [EMAIL PROTECTED]
Per a subscriure's, donar-se de baixa...  
http://araisempre.org/mailman/listinfo/ais_araisempre.org

Responder a