Ola,

Acábase de abrir o prazo para a tradución da versión 2.30 de GNOME, un
contorno de escritorio intuitivo e de uso doado. O equipo de galeguización
de GNOME querémosche facer este convite para que colabores connosco nesa
tarefa.

Queres axudar? É ben doado! Explicámosche cómo facelo:

A- Envía unha primeira mensaxe á nosa rolda oficial de coordinación [1]
   contándonos algo sobre ti (tes algunha experiencia traducindo? Que te
   motiva a colaborar? sempre axuda saber algo de cada un de nós!) e indica
   se prefires participar traducindo, revisando ou colaborando doutro xeito
   -se cadra no wiki, cazando erros ou en calquera outro aspecto do
   proxecto. Desta maneira poderemos asignarche o rol correspondente e
   darche a información adecuada sobre cuestións importantes como estilo de
   correción lingüística ou as ferramentas que adoitamos empregar.

B- Mentres agardas pola resposta [2!!], podes ir botándolle un ollo ao
   traballo que temos pendente. Para esto visita o web oficial do noso
   equipo [3] e observa a táboa na que se relacionan as distintas versións.
   Agora estamos a traballar na versión 2.30, que é onde máis produtivo
   resultaría o teu traballo.

   En cada unha das filas desa táboa poderás visualizar o estado da
   tradución de dous aspectos de GNOME: a interface gráfica e a
   documentación. Seguindo a ligazón correspondente, poderás ademais
   visualizar o estado detallado da tradución de cada un dos módulos
   incluíndo tanto a porcentaxe traducida como a identificación das
   personas que están participando na súa tradución. Tamén verás en que
   fase do proceso se encontran, por exemplo se alguén reservou para sí a
   tradución ou se a tradución enviada está pendente de revisión.

C- Xa te presentaches? Xa recibiches a información precisa sobre como 
   desempeñar o teu rol? Estupendo! Entón agora escolle o teu caso:

   1.- Se vas axudar traducindo ou revisando, xa só che queda rexistrarte
   na interface de tradución de GNOME [4] e selecionar o teu rol. Unha vez
   que sexa activado xa poderás reservarte os módulos que che interesen e
   poñerte a traballar sobre iles.

   2.- Se vas axudar en calquera outro aspecto sigue as indicacións que che
       farán chegar os membros do equipo.

Como ves, trátase dun proceso sinxelo que permite a colaboración de
distintas personas cada unha traballando ao seu ritmo, segundo as súas
capacidades e as súas preferencias personais. Non son necesarios complexos
coñecementos técnicos senón ganas para axudar a que o noso idioma continúe
presente na rede.

Así que non o dubides máis e anímate a colaborar!!

---

Notas do texto:

 [1] gnome en g11n.net

 [2] Se non te contestamos inmediatamente por favor, non te molestes: ten
 en conta que podemos ter apuro polos prazos de entrega, que a xente máis
 activa colabora tamén noutros proxectos e... que a maioría de nós temos
 que compatibilizar a nosa contribución en GNOME coas nosas obrigas
 diarias. Lembra que o noso traballo é voluntario, cada quen fai o que
 podei!

 [3] http://l10n.gnome.org/teams/gl

 [4] http://l10n.gnome.org/register/

-- 
http://susinho.pagina.de/

Responderlle a