Prezados compañeiros e compañeiras de Trasno:
Como sabedes, A Mesa pola Normalización Lingüística é unha organización cívica que traballa para introducir o idioma galego en novos ámbitos e, como o seu mesmo nome indica, para que o galego se convirta na lingua normal da sociedade que a orixinou. Non vos vou repetir agora nengunha ladaíña sobre a situación da lingua e como o barco nos fai augas por toda a parte, porque vós xa o sabedes tan ben coma min. A Mesa decidiu, hai algunhas semanas, comezar coas xestións para impulsar un grupo de traballo, con vocación de estabilidade, que se dedicase á tradución de software libre. Pensamos sobre todo na Universidade da Coruña, en cuxa equipa reitoral achamos xa grande receptividade á nosa proposta, mais tamén na necesidade de que outras institucións se impliquen. Nese sentido, a nosa idea é potenciar a rede de socios colaboradores que ten a nosa organización en varios concellos e centros de ensino. Pensábamos, e continuamos a pensar, que o traballo voluntario é moi importante para a normalización da lingua (sen el non teríamos case nada do que hoxe temos), mais que é necesaria tamén unha implicación orzamentaria seria e estábel que permita que o galego non fique continuamente relegado e que permitise tamén aproveitar ao máximo os esforzos individuais de carácter voluntario. Pois ben. Cando estábamos neste ponto do traballo, vimos o que acababa de acontecer en Gales: Grazas a un grupo de linuxeiros, Microsoft víase obrigada a traducir Windows XP e Office para o seu idioma. Posto que nós xa estábamos nos inicios dun proxecto sobre software libre, parecíanos un bon momento tamén para aproveitar e retomar a presión sobre Microsoft. A nosa idea era facer unha campaña de nível baixo, con poucas esperanzas postas en Microsoft e moitas na equipa de traballo. Sabedes que, desde 1995, na Mesa levamos traballado, con máis ou menos dedicación e con accións de diverso tipo, non sempre con soporte público, para que o sistema operativo Windows fose traducido ao galego. Na nosa opinión, tratábase dun obxectivo de especial relevancia, por diferentes razóns que con certeza non se vos escapan (difusión social de Windows, importancia do xesto de que o galego non fique relegado deste prestixioso espazo, etc). O resto, máis ou menos, xa o sabedes: Chámannos de Microsoft para nos diceren que non impulsemos a campaña de boicote, porque eles xa están na tradución de Windows para o galego e mesmo nos propoñen que colaboremos na difusión desa tradución. Nós enviamos un comunicado de imprensa coa noticia e, ás poucas horas, desde Microsoft chámannos para nos avisaren de que a Xunta e Microsoft tiñan un convenio asinado sobre este tema, mais que o Goberno non quería que se coñecese. Vaia, que o noso comunicado de imprensa rompeu o segredo. Esta proposta de colaboración de Microsoft e A Mesa non implica máis que o dito: que aquelas persoas ou colectivos que utilicen este sistema operativo saiban que teñen a opción no noso idioma. E, con certeza, en nengún momento se interromperon as xestións de cara á constitución do grupo de traballo de que antes vos falaba. Así, A Mesa non fixo nen fai nengún tipo de aposta por Microsoft, como deu a entender algún medio de comunicación. En calquera caso, quero pedir desculpas por se alguén interpretou que A Mesa utilizaba o software libre como unha mera moeda de cambio, cousa que, como vedes, non é en absoluto así. Xa a nível persoal, quero dicervos que a miña visión ética e política é claramente favorábel á extensión do software libre, como xa o manifestei en diversos foros e asembleas de diferentes organizacións. Mais, voltándomos ao proxecto do grupo de traballo, desde A Mesa entendemos que é fundamental que o Proxecto Trasno se poida implicar, como vós consideredes oportuno, nesta iniciativa. A nosa organización pon ao voso dispor as nosas limitadas forzas económicas e humanas, e a nosa moita capacidade de traballo, para que este proxecto vaia adiante, sen termos en absoluto nengún interese de protagonizar nada. Queremos propiciar que isto exista, que se manteña e que a xente saiba que ten estas traducións ao seu dispor. Ese é o noso único papel. Non podo terminar sen subliñar que A Mesa pretende ser unha casa común en defensa da lingua e, nese sentido, agradeceríamos que nos fixésedes chegar calquer tipo de suxestión para as nosas actividades, moi especialmente para este proxecto concreto que aquí vos expoño. Tamén aproveito, se me dardes licenza, para vos facer algunhas consultas vinculadas a isto: 1) Pensades que antes/durante/despois de pórmos en funcionamento esta equipa de traballo deberíamos exixir da Xunta de Galiza que poña os mesmos medios económicos e materiais que pon para a tradución de Windows XP e Office para a tradución de software libre? 2) Desde A Mesa estamos a pensar en facer tamén unha campaña sobre Apple, a semellanza do que están a facer os cataláns: <http://homepage.mac.com/devaleitzer/index.html> http://homepage.mac.com/devaleitzer/index.html Eles procuran o compromiso de 1.000 licenzas para conseguir a tradución dese sistema operativo ao catalán, o cal na Galiza pode ser difícil de conseguir. Parécevos unha boa liña a seguirmos? Fico ao voso dispor, Carlos Manuel Callón Torres Presidente A Mesa pola Normalización Lingüística Campo do Cruceiro do Gaio, 7 - 1º 15705 Santiago de Compostela Tlf: 981 563 885 / Fax: 981 583 782 www.amesanl.org / cmcal...@amesanl.org
_______________________________________________ Trasno mailing list tra...@ceu.fi.udc.es http://ceu.fi.udc.es/cgi-bin/mailman/listinfo/trasno