Os ultraportátiles darán acubillo a un sistema operativo Ubuntu 10.04 e
á lingua galega como opción por defecto, manifestou a Xunta!!!!

Enviado por Fran Diéguez a través de Google Reader: Case 15.000
escolares galegos recibirán os ultraportátiles de ABALAR ao longo do
mes de novembro vía Código Cero - Diario Tecnolóxico de Galicia de
Redacción el 2/11/10

Logo de certos retrasos relacionados co aprovisionamento do material
informático que constitúe unha das bases de ABALAR, a iniciativa do
Goberno galego para dixitalizar as aulas do país semella que colle
forza. De feito, será este mércores 3 de novembro cando se poña ao
alcance da comunidade escolar o portal da iniciativa e, ademais, darase
continuidade nas vindeiras semanas ao espallamento de ultraportátiles
para os alumnos e mestres que comezou xa na recta final de outubro. Así
o comunicou a Consellería de Educación ante os medios informativos no
mediodía deste martes 2, cita cos xornalistas que lle serviu á Xunta
para botar luz sobre algúns dos principais obxectivos de ABALAR, a
curto e medio prazo: levar equipamento informático a 14.500 escolares a
longo do mes de novembro e converter en dixitais (ao longo deste curso)
máis de 700 aulas de 300 centros educativos do noso país.
O proceso virá acompañado da posta en marcha do portal-plataforma
EspazoABALAR e incluirá entre outras cousas a achega masiva de equipos
informáticos Inves Noobi 10. Os ultraportátiles darán acubillo a un
sistema operativo Ubuntu 10.04 e á lingua galega como opción por
defecto, manifestou a Xunta, que lembrou que nas vindeiras semanas
complementarase esta opción coa achega doutros idiomas.
Na presentación de ABALAR participaron o conselleiro de Educación,
Xesús Vázquez, a secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, e máis
o subdirector xeral de Sistemas Informáticos de Educación, Carlos
Vázquez, quen fixo unha demostración práctica do funcionamento e
recursos dispoñibles do portal de ABALAR.
Xesús Vázquez, amais de expor as obxectivos xenéricos da iniciativa,
quixo salientar o carácter “ambicioso” da mesma, tanto no vieiro da
modernización do sistema educativo como na modernización do país. “O
noso obxectivo”, dixo, “é conseguir que ao rematar o curso 2013/2014 o
alumnado de 5º e 6 º de Primaria e 1º e 2º de Secundaria dispoña do
equipamento e formación para acadar a plena integración das novas
tecnoloxías do coñecemento”. Para comezar, dixo, este curso escolar
máis de 14.500 rapazas e rapaces de 5º de Primaria e 1º da ESO entrarán
a formar parte desta iniciativa, o que supón a concorrencia de máis de
700 aulas de 300 centros educativos. En termos orzamentarios,
puntualizou, estariamos a falar de máis de 12 millóns de euros para
este ano académico, dos que máis do 60% proceden da Xunta.
Equipos ultraportátiles
Os equipos ultraportátiles Inves Noobi 10 que subministra a empresa
galega Coremain constitúen un dos piares fundamentais do proxecto e en
boa medida unha das facianas visibles. Estes ordenadores veñen
equipados co máis recente sistema operativo Ubuntu (un dos máis
empregados pola comunidade de usuarios e deseñadores de programación
aberta) e, segundo informa a Xunta, incorporan o galego por defecto. O
programa, con potencial de abondo como para permitir as mesmas
funcionalidades (ou máis) cás dunha boa parte dos programas pechados, é
unha das claves de ABALAR, posto que pola súa natureza aberta e
participativa permite un abaratamento importante dos custes por mor das
licenzas e unha meirande capacidade de adaptación ás necesidades dos
usuarios. Xa nun plano técnico, o portátil conta cunha pantalla
rotatoria e táctil. As aulas que van dar acubillo aos ultraportátiles
estarán dotadas doutro equipo para uso docente, tamén con software
libre e incluíndo programas educativos e de accesibilidade para
“facilitar”, en palabras da Xunta “a integración das TIC sen ningún
tipo de exclusión social”. Amais disto, as clases contarán cun encerado
dixital táctil que permitirá “sesións máis interactivas” e cun
proxector de distancia ultra-curta que evita as sombras sobre o dito
encerado. Tamén se equipará as aulas cun armario de carga para amorear
os ultraportátiles dos rapaces, “elemento que ademais ten a
funcionalidade de ser empregado como reforzo multimedia”, e darase
acubillo a un punto de rede Wi-Fi para garantir a boa conexión.
A iniciativa ABALAR, que xa incluíu a formación de 300 coordinadores
TIC (proceso de educación ao que serán incorporados 2.500 profesores e
as familias implicadas no dito proxecto), ten dende setembro en
funcionamento unha aula piloto na sede de Educación, amais de cinco
centros piloto, espazos dixitalizados, noutros tantos centros
educativos. As aulas pioneiras serviron para ultimar o espallamento da
iniciativa, “eliminando riscos e mellorando no posible os tempos e os
traballos a despregar logo”. Amais de todo isto, déuselle corpo á
plataforma EspazoABALAR, portal que se abre o mércores á comunidade
escolar, incluíndo ás familias (que poden realizar seguimentos
académicos en liña e máis establecer comunicación cos profesores, entre
outras cousas).
A plataforma, posta en marcha para fomentar a participación cidadá no
eido do sistema educativo (e tamén para reducir as cargas de traballo
da Administración), incluirá un repositorio de contidos educativos
dixitais de Galicia, ferramenta de xestión, difusión e uso de recursos
educativos dixitais seleccionados pola Consellería de Educación, “que
os axentes da comunidade escolar galega poderán compartir entre eles”,
infórmase. Polo que respecta ás linguas da web, dicir que nun primeiro
intre figurará unicamente na nosa lingua, concretou Educación, aínda
que nas sucesivas melloras previstas (que contarán cun carácter
continuo) está previsto a incorporación de castelán e inglés.


Xesús Vázquez anunciando os avances do proxecto ABALAR
Cosas que puedes hacer desde aquí:
- Subscribirte a Código Cero - Diario Tecnolóxico de Galicia con Google
Reader
- Empezar a utilizar Google Reader para mantenerte al día fácilmente de
todos tus sitios favoritos
_______________________________________________
Proxecto mailing list
Proxecto@trasno.net
http://listas.trasno.net/listinfo/proxecto

Responderlle a