*NNOVACIÓN E INDUSTRIA INVESTIRÁ 675.000 EUROS NA PROMOCIÓN DO SOFTWARE
LIBRE EN GALIZA*

   *Entre outras, o departamento dirixido por Fernando Blanco promoverá a
   agrupación das iniciativas de software libre nun Centro de Referencia e
   Servizo de software libre*

 *Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2008.-* A Consellaría de Innovación
e Industria apoiará a realización de actividades que promocionen o software
libre en Galiza. O departamento dirixido por Fernando Blanco transferirá ao
Centro de Supercomputación de Galiza (CESGA), dependente da Consellaría,
675.000 euros para o desenvolvemento destas actuacións. Innovación e
Industria promoverá o desenvolvemento dun Centro de Referencia e Servizo de
software libre que sexa capaz de aglutinar e colaborar na xestión das
distintas iniciativas para a promoción do software libre promovidas pola
Consellaría, dentro dunha acción estratéxica para dinamizar os recursos e
servizos que caracterizan á sociedade da información.

Ademais, promoveranse todas aquelas actividades destinadas a promover a
localización de software libre en galego co obxectivo de manter actualizada
como mínimo unha configuración de escritorio ofimático multimedia
completamente funcional en galego; reforzar o actual repositorio de software
libre e documentación en galego, a Forxa (localizado no portal web da
Consellaría *www.mancomun.org*), levando a cabo accións directas de
dinamización en entornos empresariais e universitarios; facilitar e
incrementar a implantación de software libre e de estándares abertos con
especial atención ao entorno empresarial; e acometer accións de formación
divulgativa sobre os conceptos do software.

Por outra parte, a Consellaría de Innovación e Industria impulsará o uso das
ferramentas libres máis estendidas, os mecanismos de liberación de software
e as dinámicas de participación que favorezan a integración de novos membros
na comunidade de desenvolvemento do software libre; apoiar os labores de
observación e prospección estatística sobre estudos de software libre
realizadas polas entidades e institucións galegas competentes; promover a
participación e co-organización de sesións de traballo con comunidades de
desenvolvemento de software libre para facilitar e fomentar a integración da
comunidade galega do software libre nas dinámicas de organización e
produción baseadas no traballo colaborativo internacional en rede e fornecer
un servizo de soporte técnico de primeiro nivel como apoio á posta en marcha
de iniciativas baseadas en software libre consideradas de interese.

  SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLARÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

Responderlle a