---------- Mensaxe reenviada ----------
De: Antón Méixome <cert...@certima.net>
Data: 22:06 do 22 de febreiro de 2018
Asunto: Re: [Tradutores-Ubuntu] Aplicativo git
Para: List for coordination of Ubuntu Galician translation team <
ubuntu-l10n-gl@lists.ubuntu.com>


Ola,
Moi interesantes reflexións no fío pero lembrade que a terminoloxía non só
se emprega nas traducións das interfaces senón que tamén é necesaria para a
documentación, manuais, etc.
Por iso pola miña parte agradécese moito a precisión de conceptos que fai
aquí Román e estou totalmente de acordo coa súa reflexión sobre a
conveniencia de traducir.
En relación con este campo tamén se teñen feito xa hai moito tempo
traducións de software de CVS e Subversion. Creo lembrar que a forxa de
Mancomún estaba traducida e algún máis.

Para avanzar, xa que Marcos está na tarefa da tradución, propoño que remate
a tradución asumindo os termos que a día de hoxe son estándares, por
cohesión, e non teñen por que poñerse en cuestión. Refírome a cousas como
File→Ficheiro, as cousas de estilo, etc, é dicir os consensos. Con respecto
aos termos específicos pediría que fagas unha tradución con terminoloxía
coherente (escollendo unha opción para cada termo e manténdoa sempre). Con
iso xa te fas automaticamente cunha lista de termos que logo podemos
reconsiderar/acordar por aquí. Moitas veces é necesario chegar ao final
dunha tradución para ver todas as circunstancias e poder escoller a mellor
solución. Nunha segunda volta rápida (no proceso de revisión, distinto do
de tradución) harmonízase todo e avanzamos notablemente.

Que vos parece?

E por certo, "perante" é unha preposición, non un adverbio de lugar, un
arcaismo xurídico que só significa máis ou menos "comparecer diante dunha
persoa con autoridade". O que se quere dicir mellor con: por diante de,
dediante de, en diante de, adiante de, adiantado a, ...

Un saúdo,

Antón Méixome
-- 
Ubuntu-l10n-gl mailing list
Ubuntu-l10n-gl@lists.ubuntu.com
https://lists.ubuntu.com/mailman/listinfo/ubuntu-l10n-gl

Responder a