http://www.galizacig.com/avantar/novas/2-10-2009/a-xunta-despide-masivamente-a-traballadoresas-dos-centros-publicos-de-investigacion-

A Xunta despide masivamente a traballadores/as dos centros públicos de 
investigación e desenvolvemento tecnolóxico

A decisión chega logo do preaviso para as eleccións sindicais e vai 
supor o desmantelamento das entidades dedicadas a I+D+i

A CIG-Autonómica denunciou publicamente o desmantelamento que a Xunta de 
Galiza está a levar a cabo das fundacións creadas polo bipartito 
destinadas á investigación e o desenvolvemento tecnolóxico. O goberno 
galego vai despedir a máis de 100 traballadores/as destes centros, 
recoñecendo explicitamente a improcedencia dos mesmos, sen garantir a 
continuidade da actividade. As notificacións comezaron a chegar logo de 
que a CIG preavisara da celebración de eleccións sindicais o pasado mes 
de setembro.

O responsábel da CIG-Autonómica, Manuel Gallardo Canitrot, acompañado 
por Alexandre Prieto, membro da Xunta de Persoal por Pontevedra, Anxo 
Anta, representante da Xunta de Persoal de Servizos Centrais, e Suso 
Baleato, ex-coordinador de Mancomún, denunciou a ?vulneración dos 
dereitos sindicais? dos traballadores/as dos centros dedicados á 
investigación tecnolóxica que a Xunta de Galiza está a levar a cabo.

Pouco antes de mediados de setembro, a CIG deu o preaviso de eleccións 
sindicais nestes centros. A partir desa data comezaron as comunicacións 
de despedimento con dúas modalidades: ceses inmediatos nos que a Xunta 
recoñece a improcedencia dos despedimentos e ofrece as correspondentes 
indemnizacións de 45 días por ano traballo e, noutros casos, 
notificacións certificadas sobre a finalización de contratos por obra e 
servizo o próximo día 31 de decembro.

?Estamos convencidos de que parte  destes despedimentos son unha forma 
de castigar a aquelas persoas que amosaron interese por participar nas 
eleccións sindicais escollendo a CIG para representalas, pero tamén é un 
método para eliminar calquera tipo de desenvolvemento tecnolóxico en 
galego e para Galiza?, criticou Gallardo.

Desmantelamento dos servizos

Os despedimentos afectan a técnicos de distintos centros de traballo, 
dos que pola súa importancia pódese destacar tanto o CESGA como a 
Fundación Calidade. Como consecuencia destes despedimentos, 
desaparecerían tamén outros servizos impulsados polo bipartito como o 
Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI), diversos 
programas de I+D+i como o IMAN, dedicados a evitar a fuga de cerebros, 
de apoio ás empresas ou de busca de financiación na Unión Europea. Entre 
os servizos afectados estaría tamén á Rede de Dinamización da Sociedade 
da Información, deixando sen servizo a máis de 45 telecentros ubicados 
en distintas comarcas do país.

A respecto de Mancomún, Suso Baleato destacou o recoñecemento 
internacional que tiña recibido pola ONU e a Unión Europea como centro 
de referencia na promoción do software libre dende a administración 
pública. Co desmantelamento de Mancomún, Galiza tamén vai perder 2 
millóns de euros en subvencións europeas que deixarán de tramitarse e en 
contratos con PEMES que xa non se poderán levar a cabo.

Incumprimento do programa electoral

Neste senso, Alexandre Prieto lembrou que no seu programa electoral, o 
PP comprometíase a aplicar estándares abertos e software libre na 
administración e a promover a súa implantación na sociedade galega. Non 
obstante, unha das primeiras medidas que adoptou Feijoo ao chegar ao 
goberno foi adxudicar 5 millóns de euros para licencias, dous deles ao 
xigante Microsoft.

Tamén lembrou o aforro de custos que suporía a utilización do software 
libre e a necesidade de que sexa a propia administración a que impulse a 
extensión do seu uso ás empresas e ao conxunto da sociedade. Ademais, 
denunciouse a hipocrisía do Goberno galego ao criticar o recorte nos 
Orzamentos Xerais do Estado das partidas destinadas á innovación e 
desenvolvemento en tempos de crise, mentres desmantela os centros e 
programas que para tal fin se puxeron en funcionamento no nosos País.

Pola súa banda, Anxo Anta referiuse aos efectos que a decisión vai ter 
sobre as diferentes unidades administrativas relacionadas con I+D, que 
teñen encomendas de xestión por realizar, pero que agora non van poder 
cumprir ao despedirse o persoal encargado de tales tarefas.

-- 
---
      Saúde.
......................................................................
Alexandre Prieto. Vigo-Galiza.

CiberIrmandade da Fala: Por Galiza e a sua lingua propia, colabora
http://www.ciberirmandade.org

A defensa da lingua da Galiza, tamén na rede
......................................................................

Responderlle a