Prezados membros do Proxecto Trasno:

Chámome Gabriel e son o lector de galego da Universität Heidelberg. Xunto
cos meus compañeiros de lectorados doutras unis de Alemaña, conseguimos que
por primeira vez se aprobase unha sección de estudos galegos para un
congreso de Lusitanistas alemá.
Sería moi importante que puidesedes presentar algún dos múltiples traballos
que facedes.

Saúdos cordiais.
Gabriel



A coordinación da sección


*“Cibercultura, linguaxes e medialidade:
<http://www.lusitanistentag2015.rwth-aachen.de/pt/congresso/seccoes/seccao-12/>*

*hibridación e conflito nos espazos xeoculturais galego e lusófono”
<http://www.lusitanistentag2015.rwth-aachen.de/pt/congresso/seccoes/seccao-12/>*


do 11º Congresso Alemão de Lusitanistas
<http://www.lusitanistentag2015.rwth-aachen.de/pt/congresso/tema-geral/>
(Aachen, 16-19/09/2015) solicita o envío de propostas de relatorios (20
minutos).

As propostas (cun máx. de 500 pala*b*ras, 5 palabras-chave e relacionadas
cunha das liñas temáticas, *cf. infra*) deben ser enviadas até *30 de Abril
de 2015* aos coordinadores da sección:

gabriel.perez.du...@iued.uni-heidelberg.de

jairo.dor...@gmail.com, daniel.barbero_pat...@uni-leipzig.de

ou b...@uvigo.gal

Todas as propostas pasarán por un sistema de *blind peer review* e os
resultados desta avaliación serán comunicados até ao dia 30 de maio de
2015.

Os relatorios deben ser presentados en lingua galega, portuguesa, inglesa
ou alemá.

Está prevista unha posterior publicación dun conxunto seleccionado de
relatorios nunha edición científica con *peer review*.


*Presentación da sección:*

En boa parte das sociedades actuais, os fenómenos de globalización non son
unha novidade, senón que poden ser vistos como un proceso constante con
distintas formas, características e ritmos evolutivos. Hoxe en día,
prodúcese unha intensificación das interaccións que converten os vencellos
transfronteirizos en algo cotián. Isto implica, por unha banda, a expansión
de prácticas e de lóxicas socioculturais, políticas e económicas que teñen
unha imbricación, asemade, global e local e, pola outra, actúan como
catalizador que fomenta a emerxencia de fenómenos de diversa índole
(políticos, culturais, sociais, etc.) que afectan dun xeito conflitivo á
configuración interna dos sistemas socioculturais.

Ao mesmo tempo, estanse a dar importantes transformacións grazas á
consolidación dos medios dixitais. En consecuencia, este proceso implica
mudanzas en diferentes niveis sociais, dende os formatos de creación
coñecidos ata o de agora, pasando polas lóxicas organizativas das persoas e
das comunidades (movementos asociativos e políticos, comunidades de
software libre, entre outras). Ademais, non hai que esquecer a converxencia
mediática e cultural marcada polas relacións transculturais e a integración
de diferentes medios a partir dos cales xorden novas linguaxes de produción
cultural e comunitaria. Polo tanto, esta sección tamén ten como obxectivo
explorar como os sistemas culturais minorizados (neste caso o galego) se
apropian, adaptan ou dan forma a estes procesos globalizados e/ou
globalizadores no contexto dixital. Tentaremos facer fincapé nas relacións
ou conflitos transculturais e intraculturais que estas mudanzas
socioculturais xeran no sistema.

No noso parecer, unha cultura cada vez máis globalizada provoca unha
necesidade de reavaliarmos toda unha serie de constelacións conceptuais
(lingua, identidade, normalización, creación artística, modelos de
planificación social, entre outros moitos) que ata o de agora deixaron de
lado a conflitividade e a inestabilidade propia de todos os sistemas
culturais; amais, estes factores fixéronse máis patentes na actualidade co
ritmo imposto pola globalización. O noso interese de revisión tamén se
deriva do feito de que o sistema cultural galego se atopa entre dous
grandes dominios culturais con transcendencia global: os mundos de
expresión portuguesa e da hispanidade, cuxas influencias e interferencias
na cultura galega son de diferente natureza e intensidade.

En última instancia, esta sección quere contribuír á análise de fenómenos
culturais e dos seus procesos de mudanza sociocultural, adoptando
ferramentas de análise dende perspectivas transdisciplinares e
comparatistas. Tampouco non queremos esquecer de facilitar o debate
epistemolóxico que problematice os modos de análise establecidos.

Dunha forma xeral, esta sección está aberta a recibir propostas
provenientes das seguintes áreas de coñecemento e metodoloxías: literatura
comparada, estudos migratorios, antropoloxía, socioloxía, educación,
arquitectura, belas artes, estudos de tradución, estudos teatrais,
etnografía, gastronomía, ciencias naturais e ecoloxismo, estudos de xénero,
ciencias da comunicación, tecnoloxías da información, deportes, turismo,
musicoloxía, ciencias da saúde, estudos queer, estudos poscoloniais,
historia, xeografía, (socio)lingüística, dereito, economía, política,
filosofía, audiovisual, artes plásticas, historia da arte, estudos
culturais e literatura.

*Liñas temáticas da sección:*

1.   Mudanza social e reconfiguración dos fenómenos socioculturais en
Galiza.

2.  A mediación de internet no ecosistema informativo e cultural galego en
relacións cos sistemas culturais lusófonos e hispánicos.

3.   Unha abordaxe transdisciplinar dos procesos de translación cultural
dende e para o contexto galego, cuestionando os mecanismos da oposición
centro/periferia.

4.   Variación e cambio lingüístico no contacto de linguas en Galiza, con
especial atención ás implicacións culturais e lingüístico-interaccionais do
desprazamento migratorio (tanto transculturais como intraculturais) e as
relacións entre escritura e oralidade.

5.   Transformación e conflito das diferentes prácticas tradutivas dende e
para o sistema cultural galego en relación cos sistemas culturais lusófonos
e hispánicos, tanto a nivel transcultural como intracultural.

6.  Novas formas de organización social, ciberactivismo sociocultural e
medios de comunicación de base en Galiza.

7.   O paradigma das humanidades dixitais na construción e visibilidade do
sistema cultural galego e da súa relación con outros espazos culturais,
como os lusófonos e hispánicos.



*Conferenciantes convidado/a:*

Prof. Dr. Manuel Gago (Universidade de Santiago de Compostela)

Profa. Dra. Eugenia R. Romero (Ohio State University)



*Coordinación da sección:*

Gabriel Pérez Durán (Universität Heidelberg):
gabriel.perez.du...@iued.uni-heidelberg.de

Jairo Dorado Cadilla (Freie Universität Berlin): jairo.dor...@gmail.com

Daniel Barbero Patiño (Universität Leipzig):
daniel.barbero_pat...@uni-leipzig.de

Burghard Baltrusch (Universidade de Vigo): b...@uvigo.gal


*Matrícula:*

A matrícula debe ser realizada até o 30 de xuño de 2015 (60€ para membros
do DLV e 80€ a partir do 1 de xullo de 2015):
http://www.lusitanistentag2015.rwth-aachen.de/pt/inscricao/.


*Máis información sobre o congreso: *
http://www.lusitanistentag2015.rwth-aachen.de/pt/congresso/tema-geral/


Saúdos cordiais,

Gabriel Pérez Durán
_______________________________________________
Proxecto mailing list
Proxecto@trasno.net
http://listas.trasno.net/listinfo/proxecto

Responderlle a