Este glosario, como anexo terminográfico, forma parte do Manual de 
localización elaborado por Mancomún para contribuír coa comunidade de 
galeguización a consolidar procedementos de localización de software ao 
galego.

Trátase dunha terminografía descritiva e non prescritiva por moito que 
parte do seu contido base teña sido xa sancionado por entidades oficiais 
como Termigal.  En concreto é un dos resultados do compromiso adquirido 
hai agora 1 ano por parte de Mancomún para a elaboración dunha guía de 
estilo e un vocabulario de uso frecuente na localización de software ao 
galego.

A numeración de versión do glosario que pasa agora de 0.3 a 0.9 para 
homoxeneizala coa actual versión do Manual tamén é unha clara indicación 
de que o consideramos só un paso de cara a forxar unha futura versión 
1.0, como obra de consenso que debe contrastarse coas persoas que 
realmente fixan a lingua, os tradutores e tradutoras.

O glosario tal como se publica debe entenderse como un material sobre 
que o tradutor pode consultar para documentarse de maneira fiábel sobre 
formas e escollas que tradutores previos foron adoptando e que son reais 
e efectivas no ámbito específico da localización de software. O corpus 
de extracción (Gnome, Debian, KDE, AraOS, OpenOffice, produtos Mozilla, 
ispCP Omega, Joomla, phpBB3, etc.) é un multitexto conformado por unha 
parte moi significativa dos grandes proxectos de localización ao galego, 
con recoñecida calidade e solvencia funcional da tradución aplicada e 
nos que xa de por si se foi realizando, en distintos momentos e por 
distintos axentes, un traballo de consistencia lingüística.

Os textos do corpus base están todos eles dispoñíbeis libre e 
publicamente de modo que o glosario constitúe unha obra derivada, 
transparente e contrastábel para o que queira traballar sobre ela. Con 
este mesmo fin, o glosario pasará a formar parte da Forxa de Mancomún  
porque consideramos que é o sistema que mellor garante a súa 
dispoñibilidade e ofrece a mellor plataforma para o seu desenvolvemento 
futuro. 

Por outra banda, é obxectivo deste material axudar a consolidar a 
terminoloxía e o estilo das principais localizacións ao galego e, 
precisamente por iso se estimou que o corpus debería basearse sobre 
aqueles grandes textos representativos nos que a comunidade de axentes 
tradutores fixo un grande esforzo de consolidación e consistencia 
terminolóxica.

Este material preséntase publicamente en dous formatos, o CSV e en TBX 
porque pretendemos cumprir dous obxectivos: a)en CSV, de modo que poida 
ser empregado e adaptado sen dificultade a calquera base de datos ou 
calquera ferramenta ou material de consulta, que haxa ou poida ser 
creada como obra derivada; e b) en TBX, como un paso adiante na 
innovación traductolóxica en tanto que é a primeira aplicación coñecida 
do estándar internacional de terminoloxía que acaba de ser aprobado como 
norma ISO, - se ben, dadas as limitacións de aproveitamento que 
presentan arestora as ferramentas TAC, ofrécese unha aplicación do 
estándar adaptada a unha das máis prometedoras, Lokalize. Esta 
perspectiva cremos que permitirá non só un desenvolvemento sobre bases 
seguras para a terminoloxía galega senón tamén unha base de utilidade 
para calquera comunidade ou tradutor que queira adaptala ao seu propio 
ámbito lingüístico.

Con todo, a utilidade fundamental deste material cínguese a ser obra de 
consulta directa ou por medio de ferramentas de asistencia ao tradutor, 
especialmente ao tradutor que se inicia e ao que se presentan dúbidas 
constantes debido á falta de consolidación da terminoloxía informática 
en todas as linguas que non son o inglés (e nin neste, en certa medida). 
En moitos casos, aínda que non se presenta unha solución explícita, o 
uso da analoxía, a derivación e a sensibilidade cultural do tradutor 
encontrará a mellor solución para que os usuarios de software en galego 
se sintan confortábeis e exploten todo potencial o software, 
especialmente o libre.

Un cordial saúdo,

Antón Méixome
Responsábel de localización
Mancomún

-- 
Antón Gómez Méixome  .:lingüista:.  www.mancomun.org 
Centro de Referencia e Servizos de Software Libre 
Praza de Europa, nº 15A, 6ºC 15707 Santiago de Compostela (Galiza/ES) 
Tel/ Fax: (0034) 981 957 867 // 881 999 113 <meixome @ mancomun.org>

------------ próxima parte ------------
Borrouse unha mensaxe que non está en formato texto plano...
Nome     : glosario_09.csv
Tipo       : text/csv
Tamaño     : 104507 bytes
Descrición: non dispoñible
Url        : 
http://listas.mancomun.org/pipermail/g11n/attachments/20090310/e84a990d/attachment-0002.bin
 
------------ próxima parte ------------
Borrouse unha mensaxe que non está en formato texto plano...
Nome     : glosario_adaptado_lokalize_09.tbx
Tipo       : text/xml
Tamaño     : 1196472 bytes
Descrición: non dispoñible
Url        : 
http://listas.mancomun.org/pipermail/g11n/attachments/20090310/e84a990d/attachment-0003.bin
 
------------ próxima parte ------------
Borrouse unha mensaxe que non está en formato texto plano...
Nome     : meixome.vcf
Tipo       : text/x-vcard
Tamaño     : 855 bytes
Descrición: non dispoñible
Url        : 
http://listas.mancomun.org/pipermail/g11n/attachments/20090310/e84a990d/attachment-0001.vcf
 

Responderlle a