Ola.

Estou agora mesmo creando o módulo de Transo para o Hunspell, que incluirá 
aquelas palabras acordadas nas trasnadas que o DRAG non considere correctas.

Escribo algunhas cousas que atopei no HTML que recolle os acordos ata Trasnada 
12.0:

1) Atopeime :
    * O termo «circumflexo» («acento circumflexo»). O correcto é «circunflexo».
    * O termo «ponto» («ponto de intersección»). O correcto é «punto».
    * O termo «coñecimento» («extractor de coñecimento»). O correcto é 
«coñecemento».
    * O termo «caír» (como tradución para «nuke»). O correcto é «caer».
    * O termo «independiente» (como tradución para «standalone»). O correcto é 
«independente».

2) Para traducir «blink» temos tres termos: pestanexar (recomendado), 
palpebrexar e escintilar. O DRAG non considera correcta a palabra 
«palpebrexar». De momento engadina ao módulo de Trasno, pero quizais deberiades 
de considerar retirala da lista na seguinte trasnada.

3) Cal sería o plural de «cluster», «clusters»? Estráñame que non usásemos til 
para este termo, como si que se fixo con «búfer» (plural «búferes»).

4) Aceptáronse «predefinido» e «predefinición», pero non se acordou nada sobre 
o verbo, «predefinir». ¿Deberían engadir as súas formas como verbo (transitivo)?

5) Para «however» aparece entre outras «sen embargo». Tiña entendido que esa 
forma é incorrecta, e non vexo na lista «porén».

6) Para «inbox», a posibilidade (non recomendada) de usar «buzón». O DRAG 
indica expresamente que «buzón» é incorrecto. Debería engadirse ao módulo?

7) Para «keyring» temos «chaveiro» e «claveiro». A segunda forma, non 
contemplada polo DRAG, imaxino que se engadiu polas diferencias entre «clave» e 
«chave». Coméntoo por se acaso, pero de primeiras vai engadido.

8) En que caso damos «ok» por correcto? oO

9) Cal sería o plural de «píxel»?

10) É «url» ou «URL»?

Respecto do módulo de Trasno, se ben vou incluír instrucións para compilalo, 
creo que as distribucións —así como os complementos que fornezamos para 
aplicativos como o Firefox ou o LibreOffice— non deberían incluír este módulo, 
e por tanto non estou pensado en incluílo de maneira predeterminada cando se 
compila o corrector. Eu véxoo como algo especial para nós á hora de traducir. 
Se considerades que debería ir incluído de maneira predeterminada, por favor, 
manifestade a vosa opinión.

A falta de aclarar estas cuestións, o módulo está listo. Para quen lle queira 
botar unha ollada: 
https://github.com/Gallaecio/hunspell-gl/tree/trasno/src/trasno

Un saúdo.
_______________________________________________
Proxecto mailing list
Proxecto@trasno.net
http://listas.trasno.net/listinfo/proxecto

Responderlle a