======= Resumo da xuntanza feito por Denís Fernandez Cabrera ======= Como todos sabedes (ou deberiades de saber, xa que foi anunciado nesta rolda) o pasado Sábado 4 de Abril do 2009 houbo unha reunión semi-formal dos axentes do Software Ceibe da Galiza no Multiúsos do Sar, en Santiago de Compostela, aproveitando a asistencia de varios dos participantes á Xuventude Galiza Net.
Tratouse básicamente de dous temas importantes, que detallo a continuación. A lista de asistentes, interpretación da miña nefasta caligrafía mediante, é: * Miguel Bouzada, polo Ubuntu Galician Translators. * Adrián Boubela, por GALPon. * Leandro Regueiro, polo Proexecto Trasno. * Valentín Fernández, por Inestable. * Aleixandre González, por AGNIX. * Carlos Rodríguez, por AGASOL. * Rafael Rodríguez, por Melisa. * Lisi Jardón, por OUSLI. * Isaac González, polo GLUG. * Borja Ferreira, por Galite. * Iago Rodríguez, por Galite. * Toni Martínez, por OUSLI. * Denís Fernández Cabrera, polo GLUG. * Francisco Diéguez, polo GLUG. * Iván Penido, polo GLUG. * Miguel Ángel Fernández Morales, polo GLUG. * Oscar Casal, por AULUSC. (Revisádea, por favor, porque seguramente cometín algún erro ao transcribi-los nomes.) Anque a reunión foi informal, podemos anotar a orde do día en dous puntos básicos: a posible formación dunha entidade que agrupe e represente aos diferentes participantes da comunidade do Software Libre na Galiza (tradutores, empresarios, GUGLs, usuarios…) e o análise do cambio de goberno galego e o efecto que isto poida ter nas nosas actividades futuras. 1. POSIBLE FEDERACIÓN Houbo consenso na reunión en que sería positiva a creación dalgún tipo de entidade que, entre outras cousas: * Agrupe aos diferentes sectores do Software Ceibe galegos. Non soamente GUGLs, senón tamén a entes non constituídos en asociación como poden ser os grupos de tradutores ou asociacións distintas dos GUGLs coma AGASOL. * Presente un interlocutor unitario de cara á administración e á sociedade en xeral, que sexa quen de presentar argumnentos que agrupen a opinión e consello maioritario da comunidade do Software Ceibe. * Presente unha imaxe conxunta e traballe a presenza do Software Ceibe nos medios de comunicación. * Negocie posibles futuros convenios ca administración dende unha posición cohesionada e firme. * Actúe como grupo de presión (lobby) en xeral no seo da sociedade. * Contemple a posibilidade de prestar servizos aos integrantes coma por exemplo de xestoría ou de infraestruturas (servidores, etc). O xeito exacto de articular esta entidade (unha federación de asociacións, unha nova asociación, un encontro informal ou o que remate por ser) está aberta a debate, como o están calquera dos puntos anteriores ou os mesmos obxectivos e medios. Do que se trata agora, e o que recolleu o consenso desta reunión, é de comezar a traballar na defiunición de todos estes puntos. Con esta fin acordouse crear unha rolda de correo pechada onde estarán representados cada un dos colectivos interesados en participar no proceso constituínte. Os colectivos que queiran participar deste proceso deberán, entón, enviar a esta rolda unha solicitude indicando a entidade en cuestión que participa e quen é o representante formal da mesma. Os correos que este representante envíe terán carácter oficial, no senso en que se considerarán a postura da entidade representada. Será responsabilidade do representante e do colectivo que o escolleu o garantir que esta circunstancia se cumple. O obxectivo desta rolda de correo será exclusivamente o debate sobre a constitución deste tente agrupativo dos colectivos implicados no software ceibe galego. Calquera outro asunto que nos atinxa -- e nomeadamente, a relacción co novo goberno que se trata no punto seguinte – seguirá a se levar a traves desta rolda ou das outras canles que se veñen empregando ata agora. Quixeramos, entón que no prazo de 15 días (é dicir, para antes do 26 de Abril) as entidades que queiran participar deste proceso den unha resposta (por exemplo neste mesmo fío de conversa). Queremos tamén facer constar que o proceso estará aberto a que en calquera momento se lle axunten outros colectivos se así o desexan. 2. SITUACIÓN CO NOVO GOBERNO Concordouse na reunión que o Software Ceibe é un cambio tecnolóxico, económico e social que trascende a cor do goberno que exerza na Xunta da Galiza ou en calquera outra administración. Existe xa dende fai moitos anos e, se ben é certo que nos últimos tempos houbo importantes achegamentos dende a administración ás posturas que tradicionalmente defendemos nos, non vemos que esta tendencia teña que cambiar. Entendemos que a aposta decidida polo Software Ceibe non pode ser senón a decisión dunha administración eficiente e intelixente. Achamos na reunión, entón, que é interesante facerlle chegar estas ideas – e outras mais concretas coma a importancia do Software Ceibe en tempos de crise coma os que vivimos – á nova administración. Pensamos que unha reunión cos representantes axeitados da mesma, unha vez teñan asentadas as competencias, será interesante para nos presentar, para facer ver por qué se viu apostando históricamente polo Software Ceibe e por qué se debe a seguir facer. Ca fin de presentar estas ideas da forma mais próxima posible ao goberno en cuestión acordouse revisar o programa electoral do Partido Popular, analizando os puntos de relevancia para o Software Libre. Desta análise deberá de saír un documento que se lle entregará á administración. Ademais, é preciso tratar ca administración moitos temas que quedaron pendentes do exercicio anterior, coma son o tema da propiedade da marca Galinux ou das licenzas que están a se empregar nos contidos xerados pola xunta (a famosa cláusula NonComercial). Idealmente, esta reunión debería de suceder no prazo dun mes (ou, no seu defecto, o antes posible). Para elo será preciso elaborar unha orde do día dos puntos que se queren tratar nela e tamén elaborar o mentado documento de análise do programa electoral do PP e de proposta dunha estratexia tecnolóxica baseada no Software Libre. 3. MISCELÁNEA: Comenataronse bastantes temas mais de implementación ou de ideas interesantes para o futuro, coma que os representantes que participen no proceso constituínte empreguen chaves dixitais para asinar os seus comunicados (por fin entramos na modernidade!) ou que adiccionalmente aos debates na rolda de correo se manteñan reunións trimestrais que sirvan para axilizar o proceso. Tamén falou Carlos dun documento (de Carlos Carrión?) que habería que reformatar e que non estou moi seguro de qué trata – talvez algo sobre metodoloxías de conversión dunha empresa de software privativo a Software Ceibe. Comentouse que o Software Ceibe é atrativo para a administración, amén doutros motivos, porque representa unha vía de saída para a crise, tanto no aforro por parte do usuario coma porque reinxecta capital na emrpesa TIC nacional. Díxose tamén que é preciso presentar a estratexia do Software Ceibe coma unha fronte colectiva de Cultura, Industra, Economía e Innovación, xa que realmente se trata dun cambio de paradigma antes que da adopción dunha medida tecnolóxica determinada. Tamén se dixo que sería interesante facer propostas concretas para estas catro áreas, interconectadas pero ben definidas en cada unha delas, porque senón todo pode quedar en abastraccións complicadas de levar a cabo na práctica. …E seguramente me quedan algunhas ideas no tinteiro que xa irán xurdindo. Por suposto, os que participáchedes da reunión engadide canto vexades preciso a esta memoria, ou correxídea onde a vexades trabucada. Denís. -- "Por favor, non me envíe documentos con extensións .doc, .docx, .xls, .xlsx, .ppt, .pptx -- Ubuntu-l10n-gl mailing list ubuntu-l10n...@lists.ubuntu.com https://lists.ubuntu.com/mailman/listinfo/ubuntu-l10n-gl