Ola,

        Hai xa tempo que non escribía, non pensedes que ando desaparecido
(un chisco si pero non de todo :P).  Vou por partes:

a) KDE

        Hai que lembrar que Xabi García é o novo coordinador da tradución
de KDE, mandou el unha mensaxe pero non debeu chegar polo tema da
recreación da lista.  Tamén ten el acceso ao CVS de KDE, así que podedes
contactar directamente con el para asignar paquetes ou enviar ficheiros
traducidos.  Xabi fará máis caso do que vos facía eu :)


b) Web e estatísticas

        Unha das poucas cousas que fixen ultimamente foi actualizar por
milésima vez o sistema de estatísticas de GNOME/KDE/GNU.  Basicamente, o
que fai agora é cambiar o formato da páxina orixinal de estatísticas de
cada proxecto concreto, coa vantaxe de que aparece o tradutor asignado a
cada paquete (cousa que evidentemente non aparece na páxina orixinal).
Pero os datos son idénticos, podedes comprobalo en:

http://www.trasno.net/gnome/
http://developer.gnome.org/projects/gtp/status/gnome-2.6/gl/

http://www.trasno.net/kde/
http://i18n.kde.org/stats/gui/HEAD/gl/

http://www.trasno.net/gnu/
http://www2.iro.umontreal.ca/~pinard/po/registry.cgi?team=gl

        Se cadra era mellor tamén separar os datos dos grupos de KDE e
GNOME en páxinas distintas, en vez de usar unha mega-táboa.  ¿Algunha
opinión?

        Por outra banda, o seguinte que quero facer, que suporía outra
vantaxe interesante, é unha páxina que mostre todas as traducións dunha
persoa (coas estatísticas, claro).  A ver cando teño tempo (traballo +
proxecto fin de carreira + mil outras lerias non deixan vivir a un) ;)


c) Estilo das traducións

        Sen interese nin ánimo de entrar na discusión de sempre, quero
lembrar que a maioría de nós, e a maioría dos que poderían colaborar
traducindo software a galego, son informáticos ou variantes, non filólogos.
E por regra xeral, teñen pouco interese en entrar en guerras filosóficas de
"isto é melhor, aquilo é pior".

        A cousa é que as traducións feitas nos últimos catro anos (¿catro
anos xa???) teñen todas un estilo parecido... A normativa de mínimos que
usaba Ramón Flores nas súas traducións creo que está "xubilada", como di
Manuel, non?

        Entón as principais diferenzas poden estar no vocabulario... Como
dixo tamén Manuel, temos un dicionario na web de Trasno, aínda que leva sen
actualización dende o século pasado.  Hai algunhas cousas que eu mudei nas
traducións de GNOME para facelas máis parecidas ás de galego21 (clipboard
-> portarretallos, folder -> cartafol), que aínda non se reflicten no
dicionario.  Pois é, cómpre unha actualización, e a ser posible que toda a
xente que anda a traducir use os mesmos criterios de vocabulario.

        Tamén sería necesario incluír unha sección para a nova reforma
ortográfica, que polo que parece aínda non chegou moito á xente... Entre
outras cousas de importancia para o tipo de traducións que aquí se fan:

diccionario > dicionario
traducción > tradución
licencia > licenza
espacio > espazo
servicio > servizo
diferencia > diferenza
eliminación da segunda forma do artigo
opción de non usar o inicio das marcas de interrogación e admiración
unha chea de modificacións nas conxuncións e adverbios que nunca lembro :D

        Si, isto tamén precisa de tempo, iso tan prezado do que non
dispoño.  Polo menos queda dito aquí, xa seguiremos falando.

        Saúdos e saudações! :P

-- 
Unha aperta,
Jesús Bravo Álvarez
http://www.pobox.com/~suso
_______________________________________________
Trasno mailing list
tra...@ceu.fi.udc.es
http://ceu.fi.udc.es/cgi-bin/mailman/listinfo/trasno

Responderlle a