Estimados amigos: Mancomun.org, Iniciativa Galega Polo Software Libre, foi convidado a participar cun stand propio nos X Encontros de Normalización Lingüística que terán lugar no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela os días 26 e 27 deste mes. O obxectivo é dar a coñecer a gran utilidade do Software Libre como ferramenta para a normalización lingüística no eido das novas tecnoloxías. O encontro resulta especialmente interesante xa que moitos dos visitantes serán técnicos de normalización lingüística, mestres, tradutores e persoas, en xeral, interesadas na promoción e difusión da lingua galega.
Dadas as características do noso proxecto cremos imprescindible que onda nós estean os grupos de usuarios de Linux e, por suposto, iniciativas como a vosa enfocadas cara a localización de software e a tradución. Por iso gustaríanos saber se estaríades interesados en acompañarnos no stand e así poder difundir as vosas actividades. Este correo é simplemente para saber se vos interesa e a vosa dispoñibilidade. Podedes indicarnos tamén se ides precisar dalgún material específico ou se tedes algunha idea para o stand. Un saúdo. _______________________________________________ Trasno mailing list [email protected] http://ceu.fi.udc.es/cgi-bin/mailman/listinfo/trasno

