*NNOVACIÓN E INDUSTRIA INVESTIRÁ 675.000 EUROS NA PROMOCIÓN DO SOFTWARE LIBRE EN GALIZA*
*Entre outras, o departamento dirixido por Fernando Blanco promoverá a agrupación das iniciativas de software libre nun Centro de Referencia e Servizo de software libre* *Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2008.-* A Consellaría de Innovación e Industria apoiará a realización de actividades que promocionen o software libre en Galiza. O departamento dirixido por Fernando Blanco transferirá ao Centro de Supercomputación de Galiza (CESGA), dependente da Consellaría, 675.000 euros para o desenvolvemento destas actuacións. Innovación e Industria promoverá o desenvolvemento dun Centro de Referencia e Servizo de software libre que sexa capaz de aglutinar e colaborar na xestión das distintas iniciativas para a promoción do software libre promovidas pola Consellaría, dentro dunha acción estratéxica para dinamizar os recursos e servizos que caracterizan á sociedade da información. Ademais, promoveranse todas aquelas actividades destinadas a promover a localización de software libre en galego co obxectivo de manter actualizada como mínimo unha configuración de escritorio ofimático multimedia completamente funcional en galego; reforzar o actual repositorio de software libre e documentación en galego, a Forxa (localizado no portal web da Consellaría *www.mancomun.org*), levando a cabo accións directas de dinamización en entornos empresariais e universitarios; facilitar e incrementar a implantación de software libre e de estándares abertos con especial atención ao entorno empresarial; e acometer accións de formación divulgativa sobre os conceptos do software. Por outra parte, a Consellaría de Innovación e Industria impulsará o uso das ferramentas libres máis estendidas, os mecanismos de liberación de software e as dinámicas de participación que favorezan a integración de novos membros na comunidade de desenvolvemento do software libre; apoiar os labores de observación e prospección estatística sobre estudos de software libre realizadas polas entidades e institucións galegas competentes; promover a participación e co-organización de sesións de traballo con comunidades de desenvolvemento de software libre para facilitar e fomentar a integración da comunidade galega do software libre nas dinámicas de organización e produción baseadas no traballo colaborativo internacional en rede e fornecer un servizo de soporte técnico de primeiro nivel como apoio á posta en marcha de iniciativas baseadas en software libre consideradas de interese. SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLARÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA