=======
Resumo da xuntanza feito por Denís Fernandez Cabrera
=======

Como todos sabedes (ou deberiades de saber, xa que foi anunciado nesta
rolda) o pasado Sábado 4 de Abril do 2009 houbo unha reunión
semi-formal dos axentes do Software Ceibe da Galiza no Multiúsos do
Sar, en Santiago de Compostela, aproveitando a asistencia de varios
dos participantes á Xuventude Galiza Net.

Tratouse básicamente de dous temas importantes, que detallo a
continuación. A lista de asistentes, interpretación da miña nefasta
caligrafía mediante, é:

   * Miguel Bouzada, polo Ubuntu Galician Translators.
   * Adrián Boubela, por GALPon.
   * Leandro Regueiro, polo Proexecto Trasno.
   * Valentín Fernández, por Inestable.
   * Aleixandre González, por AGNIX.
   * Carlos Rodríguez, por AGASOL.
   * Rafael Rodríguez, por Melisa.
   * Lisi Jardón, por OUSLI.
   * Isaac González, polo GLUG.
   * Borja Ferreira, por Galite.
   * Iago Rodríguez, por Galite.
   * Toni Martínez, por OUSLI.
   * Denís Fernández Cabrera, polo GLUG.
   * Francisco Diéguez, polo GLUG.
   * Iván Penido, polo GLUG.
   * Miguel Ángel Fernández Morales, polo GLUG.
   * Oscar Casal, por AULUSC.

(Revisádea, por favor, porque seguramente cometín algún erro ao
transcribi-los nomes.)

Anque a reunión foi informal, podemos anotar a orde do día en dous
puntos básicos: a posible formación dunha entidade que agrupe e
represente aos diferentes participantes da comunidade do Software
Libre na Galiza (tradutores, empresarios, GUGLs, usuarios…) e o
análise do cambio de goberno galego e o efecto que isto poida ter nas
nosas actividades futuras.

  1. POSIBLE FEDERACIÓN

Houbo consenso na reunión en que sería positiva a creación dalgún tipo
de entidade que, entre outras cousas:

   * Agrupe aos diferentes sectores do Software Ceibe galegos. Non
soamente GUGLs, senón tamén a entes non constituídos en asociación
como poden ser os grupos de tradutores ou asociacións distintas dos
GUGLs coma AGASOL.
   * Presente un interlocutor unitario de cara á administración e á
sociedade en xeral, que sexa quen de presentar argumnentos que agrupen
a opinión e consello maioritario da comunidade do Software Ceibe.
   * Presente unha imaxe conxunta e traballe a presenza do Software
Ceibe nos medios de comunicación.
   * Negocie posibles futuros convenios ca administración dende unha
posición cohesionada e firme.
   * Actúe como grupo de presión (lobby) en xeral no seo da sociedade.
   * Contemple a posibilidade de prestar servizos aos integrantes
coma por exemplo de xestoría ou de infraestruturas (servidores, etc).

O xeito exacto de articular esta entidade (unha federación de
asociacións, unha nova asociación, un encontro informal ou o que
remate por ser) está aberta a debate, como o están calquera dos puntos
anteriores ou os mesmos obxectivos e medios. Do que se trata agora, e
o que recolleu o consenso desta reunión, é de comezar a traballar na
defiunición de todos estes puntos.

Con esta fin acordouse crear unha rolda de correo pechada onde estarán
representados cada un dos colectivos interesados en participar no
proceso constituínte. Os colectivos que queiran participar deste
proceso deberán, entón, enviar a esta rolda unha solicitude indicando
a entidade en cuestión que participa e quen é o representante formal
da mesma. Os correos que este representante envíe terán carácter
oficial, no senso en que se considerarán a postura da entidade
representada. Será responsabilidade do representante e do colectivo
que o escolleu o garantir que esta circunstancia se cumple.

O obxectivo desta rolda de correo será exclusivamente o debate sobre a
constitución deste tente agrupativo dos colectivos implicados no
software ceibe galego. Calquera outro asunto que nos atinxa -- e
nomeadamente, a relacción co novo goberno que se trata no punto
seguinte – seguirá a se levar a traves desta rolda ou das outras
canles que se veñen empregando ata agora.

Quixeramos, entón que no prazo de 15 días (é dicir, para antes do 26
de Abril) as entidades que queiran participar deste proceso den unha
resposta (por exemplo neste mesmo fío de conversa). Queremos tamén
facer constar que o proceso estará aberto a que en calquera momento se
lle axunten outros colectivos se así o desexan.

  2. SITUACIÓN CO NOVO GOBERNO

Concordouse na reunión que o Software Ceibe é un cambio tecnolóxico,
económico e social que trascende a cor do goberno que exerza na Xunta
da Galiza ou en calquera outra administración. Existe xa dende fai
moitos anos e, se ben é certo que nos últimos tempos houbo importantes
achegamentos dende a administración ás posturas que tradicionalmente
defendemos nos, non vemos que esta tendencia teña que cambiar.
Entendemos que a aposta decidida polo Software Ceibe non pode ser
senón a decisión dunha administración eficiente e intelixente.

Achamos na reunión, entón, que é interesante facerlle chegar estas
ideas – e outras mais concretas coma a importancia do Software Ceibe
en tempos de crise coma os que vivimos – á nova administración.
Pensamos que unha reunión cos representantes axeitados da mesma, unha
vez teñan asentadas as competencias, será interesante para nos
presentar, para facer ver por qué se viu apostando históricamente polo
Software Ceibe e por qué se debe a seguir facer.

Ca fin de presentar estas ideas da forma mais próxima posible ao
goberno en cuestión acordouse revisar o programa electoral do Partido
Popular, analizando os puntos de relevancia para o Software Libre.
Desta análise deberá de saír un documento que se lle entregará á
administración.

Ademais, é preciso tratar ca administración moitos temas que quedaron
pendentes do exercicio anterior, coma son o tema da propiedade da
marca Galinux ou das licenzas que están a se empregar nos contidos
xerados pola xunta (a famosa cláusula NonComercial).

Idealmente, esta reunión debería de suceder no prazo dun mes (ou, no
seu defecto, o antes posible). Para elo será preciso elaborar unha
orde do día dos puntos que se queren tratar nela e tamén elaborar o
mentado documento de análise do programa electoral do PP e de proposta
dunha estratexia tecnolóxica baseada no Software Libre.

  3. MISCELÁNEA:

Comenataronse bastantes temas mais de implementación ou de ideas
interesantes para o futuro, coma que os representantes que participen
no proceso constituínte empreguen chaves dixitais para asinar os seus
comunicados (por fin entramos na modernidade!) ou que adiccionalmente
aos debates na rolda de correo se manteñan reunións trimestrais que
sirvan para axilizar o proceso.

Tamén falou Carlos dun documento (de Carlos Carrión?) que habería que
reformatar e que non estou moi seguro de qué trata – talvez algo sobre
metodoloxías de conversión dunha empresa de software privativo a
Software Ceibe.

Comentouse que o Software Ceibe é atrativo para a administración, amén
doutros motivos, porque representa unha vía de saída para a crise,
tanto no aforro por parte do usuario coma porque reinxecta capital na
emrpesa TIC nacional.

Díxose tamén que é preciso presentar a estratexia do Software Ceibe
coma unha fronte colectiva de Cultura, Industra, Economía e
Innovación, xa que realmente se trata dun cambio de paradigma antes
que da adopción dunha medida tecnolóxica determinada. Tamén se dixo
que sería interesante facer propostas concretas para estas catro
áreas, interconectadas pero ben definidas en cada unha delas, porque
senón todo pode quedar en abastraccións complicadas de levar a cabo na
práctica.

…E seguramente me quedan algunhas ideas no tinteiro que xa irán
xurdindo. Por suposto, os que participáchedes da reunión engadide
canto vexades preciso a esta memoria, ou correxídea onde a vexades
trabucada.

Denís.

Responderlle a