Olá a todos, 
Non sei se recordades que comentara o do "Diario de Carballo" 
(http://diariodecarballo.wordpress.com/), que é  que a raíz do evento de 
Dinamización LInguistica ó que nos invitaron me pediran que escribira algo 
para esa web explicando o da tradución.... Antes de que llo mande a Soraya, a 
rapaza que leva isto, envíoo aquí a ver que vos parece. Admito críticas 
contructivas e (algunhas) destructivas, :) 
Tamén lle hei comentar o de que alguén escriba algo máis complementando este 
artigo, a ver que lle parece e que me di.  
...............................................................................................................................................
As illas Feroes, literalmente, as illas das ovellas, non son máis ca un 
pequeno e caprichoso arquipélago basáltico asentado no bravo Mar de Noruega. 
Mais, e ben o explicou Charles Darwin, as illas son habitualmente ricas 
paraxes cheas de peculiaridades naturais. En canto á súa xente, si, tamén son 
peculiares. As illas Feroes son unha provincia autónoma da Coroa Danesa na que 
viven cincuenta mil persoas e inda sendo dinamarqueses non pertencen á Unión 
Europea. Tampouco falan o Danés senón unha lingua relacionada con este e o 
Noruegués, o Feroés. Si, é unha lingua nada nas illas e propia dela; só os 
habitantes das Feroes, xunto cunha ducia de miles dos que se atopan na 
emigración, o falan a diario. Sendo tan poucos falantes pódensenos ocorrer 
centos de problemas na vida diaria relacionados coa lingua: á hora de ver a 
tele, escoitar a radio ou navegar por internet. Entendo que poucos servizos 
terán na súa lingua propia... de feito non teñen ordenadores en Feroés. 

Ah!, un momento. Non fun o preciso dabondo. Non teñen ordenadores con Windows 
XP ou Vista en Feroés. Ter só sesenta mil falantes é un atranco que bota para 
atrás mesmo a unha economicamente saudable empresa coma Microsoft á hora de 
traducir os seus produtos. A razón básica é que traducir software, que é do 
que falo, é realmente caro. Pero os feroeses si poden dispoñer de ordenadores 
na súa lingua grazas a unha nova maneira de entender as novas tecnoloxías. 
Esta nova maneira, o código aberto ou software libre, é unha forma de facer 
software, programas informáticos. Se o modelo estándar é que os programas os 
faga unha compañía, dun xeito privado, para que logo venda os seu produtos, 
enlatados e pechados, ós usuarios; o software libre, pola contra, aproveitase 
da internet para reunir a xente que altruistamente colabore en proxectos 
abertos adicados a facer software, software que se pode examinar, retocar, 
modificar e distribuír gratis e legalmente. É todo un cambio de concepto ó que 
a nosa sociedade inda non se acostumou e iso que esta metodoloxía, e filosofía 
de traballo, é quen de producir software de enorme calidade e complexidade. 

O proxecto estrela do software libre é Linux, e si, pódese cualificar cos dous 
adxectivos anteriores. Este proxecto iniciado no ano 1992 polo finés Linus 
Torvalds é un sistema operativo, é dicir, é un software que fai que o noso 
ordenador funcione dende que prendemos o botón de acendido ata que o apagamos. 
Windows XP ou Vista é o sistema operativo máis estendido no planeta, pero como 
vedes non o único. Tamén Mac OSX é un sistema operativo. A diferenza 
fundamental, e perdoade que me repita, aparte de ser un sistema francamente 
superior, Linux sendo un proxecto de software libre pode ser modificado e 
distribuído legalmente sen lle render contas a ninguén. Habitualmente darredor 
de proxectos coma este, de software "colaborativo", fórmase todo un exercito 
de desenvolvedores voluntarios que contribúen a esa misión común. Unha das 
divisións desas ostes de voluntarios, e cun gran papel que xogar, fórmana o 
batallón dos tradutores. Isto é, xente que colabora traducindo nese proxecto 
pasando do inglés, lingua na que se escriben os programas informáticos, á súa 
lingua. Así, podemos atopar programas de código aberto que se traducen a máis 
do cento de linguas. E si, entre elas atópase o Feroés. Aquí xa dá igual que 
se conten os falantes de feroés por milés coma por millóns, a dimensión 
económica do asunto desaparece. O único que fai falta é que alguén dea un paso 
adiante e se enrole na misión. Como o feroés, tradúcese ó Frisón, Alemán, 
Chinés ou Bengalí, tamén ó Butanés, Zulú e ó Guaraní. E para sorpresa de 
moitos, tamén ó Esperanto, ó Ido e ó Inglés Antigo. Non pensedes que mo salto, 
entre todas esas linguas tamén está o Galego pois aquí tamén hai voluntarios 
que traducimos software. Ese traballo que facemos é ás veces sinxelo e ás 
veces tedioso pero sempre gratificante. Nos aquí tamén conseguimos ter 
software libre, coma Linux, Firefox, OpenOffice, por poñer só uns exemplos, 
enteiramente na nosa lingua.

A min gústame dicir que o software libre é socialmente xusto, pois, grazas a 
todo ese exercito de voluntarios, galegos incluídos, dá igual a razón 
socioeconómica ou o lugar do planeta no que se viva. A onde chegue a 
tecnoloxía, chega o software libre o cal ofrece o mellor software sen custo, e 
para practicamente todo o planeta, na súa lingua materna. 

Se queredes máis información ou mesmo enrolarvos coma tradutores na súa 
división galega, visitade www.trasno.net.

Responderlle a