Parabéns!
En xeral gustame,
Eu non usaría a linguaxe militar, pero supoño que é cuestión de gustos.
Saúdos
Miguel Branco escribiu:
Olá a todos,
Non sei se recordades que comentara o do "Diario de Carballo"
(http://diariodecarballo.wordpress.com/), que é que a raíz do evento de
Dinamización LInguistica ó que nos invitaron me pediran que escribira
algo para esa web explicando o da tradución.... Antes de que llo mande a
Soraya, a rapaza que leva isto, envíoo aquí a ver que vos parece. Admito
críticas contructivas e (algunhas) destructivas, :)
Tamén lle hei comentar o de que alguén escriba algo máis complementando
este artigo, a ver que lle parece e que me di.
...............................................................................................................................................
As illas Feroes, literalmente, as illas das ovellas, non son máis ca un
pequeno e caprichoso arquipélago basáltico asentado no bravo Mar de
Noruega. Mais, e ben o explicou Charles Darwin, as illas son
habitualmente ricas paraxes cheas de peculiaridades naturais. En canto á
súa xente, si, tamén son peculiares. As illas Feroes son unha provincia
autónoma da Coroa Danesa na que viven cincuenta mil persoas e inda sendo
dinamarqueses non pertencen á Unión Europea. Tampouco falan o Danés
senón unha lingua relacionada con este e o Noruegués, o Feroés. Si, é
unha lingua nada nas illas e propia dela; só os habitantes das Feroes,
xunto cunha ducia de miles dos que se atopan na emigración, o falan a
diario. Sendo tan poucos falantes pódensenos ocorrer centos de problemas
na vida diaria relacionados coa lingua: á hora de ver a tele, escoitar a
radio ou navegar por internet. Entendo que poucos servizos terán na súa
lingua propia... de feito non teñen ordenadores en Feroés.
Ah!, un momento. Non fun o preciso dabondo. Non teñen ordenadores con
Windows XP ou Vista en Feroés. Ter só sesenta mil falantes é un atranco
que bota para atrás mesmo a unha economicamente saudable empresa coma
Microsoft á hora de traducir os seus produtos. A razón básica é que
traducir software, que é do que falo, é realmente caro. Pero os feroeses
si poden dispoñer de ordenadores na súa lingua grazas a unha nova
maneira de entender as novas tecnoloxías. Esta nova maneira, o código
aberto ou software libre, é unha forma de facer software, programas
informáticos. Se o modelo estándar é que os programas os faga unha
compañía, dun xeito privado, para que logo venda os seu produtos,
enlatados e pechados, ós usuarios; o software libre, pola contra,
aproveitase da internet para reunir a xente que altruistamente colabore
en proxectos abertos adicados a facer software, software que se pode
examinar, retocar, modificar e distribuír gratis e legalmente. É todo un
cambio de concepto ó que a nosa sociedade inda non se acostumou e iso
que esta metodoloxía, e filosofía de traballo, é quen de producir
software de enorme calidade e complexidade.
O proxecto estrela do software libre é Linux, e si, pódese cualificar
cos dous adxectivos anteriores. Este proxecto iniciado no ano 1992 polo
finés Linus Torvalds é un sistema operativo, é dicir, é un software que
fai que o noso ordenador funcione dende que prendemos o botón de
acendido ata que o apagamos. Windows XP ou Vista é o sistema operativo
máis estendido no planeta, pero como vedes non o único. Tamén Mac OSX é
un sistema operativo. A diferenza fundamental, e perdoade que me repita,
aparte de ser un sistema francamente superior, Linux sendo un proxecto
de software libre pode ser modificado e distribuído legalmente sen lle
render contas a ninguén. Habitualmente darredor de proxectos coma este,
de software "colaborativo", fórmase todo un exercito de desenvolvedores
voluntarios que contribúen a esa misión común. Unha das divisións desas
ostes de voluntarios, e cun gran papel que xogar, fórmana o batallón dos
tradutores. Isto é, xente que colabora traducindo nese proxecto pasando
do inglés, lingua na que se escriben os programas informáticos, á súa
lingua. Así, podemos atopar programas de código aberto que se traducen a
máis do cento de linguas. E si, entre elas atópase o Feroés. Aquí xa dá
igual que se conten os falantes de feroés por milés coma por millóns, a
dimensión económica do asunto desaparece. O único que fai falta é que
alguén dea un paso adiante e se enrole na misión. Como o feroés,
tradúcese ó Frisón, Alemán, Chinés ou Bengalí, tamén ó Butanés, Zulú e ó
Guaraní. E para sorpresa de moitos, tamén ó Esperanto, ó Ido e ó Inglés
Antigo. Non pensedes que mo salto, entre todas esas linguas tamén está o
Galego pois aquí tamén hai voluntarios que traducimos software. Ese
traballo que facemos é ás veces sinxelo e ás veces tedioso pero sempre
gratificante. Nos aquí tamén conseguimos ter software libre, coma Linux,
Firefox, OpenOffice, por poñer só uns exemplos, enteiramente na nosa lingua.
A min gústame dicir que o software libre é socialmente xusto, pois,
grazas a todo ese exercito de voluntarios, galegos incluídos, dá igual a
razón socioeconómica ou o lugar do planeta no que se viva. A onde chegue
a tecnoloxía, chega o software libre o cal ofrece o mellor software sen
custo, e para practicamente todo o planeta, na súa lingua materna.
Se queredes máis información ou mesmo enrolarvos coma tradutores na súa
división galega, visitade www.trasno.net.