Supoño que xa vistedes isto: http://novas.xunta.es/node/14079
Na lista de "Grupos de usuarios de GNU/Linux de Galicia " que había que dar resposta a iso así que presento un _borrador_ para facer público en medios de comunicacións, mancomun... Penso que Trasno como tal ten que responder tamén. Por favor, criticas ó estilo, incoherencias, correccións, o que falta e sobra, ... ----------------------------Borrador---------------------------------------- A comunidade de software libre de Galicia, incluíndo a usuarios, programadores e tradutores que a conforman, e tras o debate oportuno nas canles de comunicación que nos son propias, coincidimos unanimemente na necesidade de facer público o estupor e perplexidade que nos produce a nova feita pública, o día 23/02/09, pola Presidencia da Xunta de Galicia na que se di, literalmente: "O premio á promoción da realidade plurilingüe consiste nunha distinción honorífica sen contido económico, e correspondeulle na súa primeira edición á empresa Microsoft, galardoada polo seu esforzo de xuntar a diversidade lingüística coas novas tecnoloxías."[1] O noso estupor non procede de que o galardón se conceda a unha compañía privada, nin tampouco polo feito de que non valoremos a calidade ou esforzo do traballo realizado na adaptación ó galego dos produtos que Presidencia menciona a continuación na nova. A nosa perplexidade refírese a que non podemos comprender os motivos que levan ós gobernos vasco, catalán e galego a outorgar ó premio a unha empresa que non fai máis ca se adaptar á súa realidade de mercado. Microsoft pode contar os usuarios dos seus produtos en calquera destas tres linguas por centos de miles e percibe anualmente desas comunidades de usuarios e, moi especialmente, dos seus respectivos gobernos, millóns de euros en conceptos de licenzas. Que Microsoft traduza e ofreza servizos nas linguas propias destas comunidades non repercute máis ca no propio beneficio da empresa que atendendo ás necesidades lingüísticas dos seus usuarios, especialmente de tres do máis importantes, as populosas administracións dos gobernos vasco, catalán e galego coas súas respectivas institucións locais, consegue afianzarse, ó teren produtos coñecidos e que ostentan monopolios, neste sector de mercado inhibindo outras alternativas libres que xa dispoñen destes servizos (tradución das interfaces gráficas e correctores ortográficos ou gramaticais) a un custo nulo. Así mesmo, a comunidade de tradución ó galego de software libre, Trasno [2], síntese dalgunha maneira agraviada pola concesión do galardón. Dende a comunidade lévase máis de dez anos traducindo software libre ó galego de xeito anónimo, altruísta e comprometido. Neste tempo a comunidade, no seu conxunto, conseguiu acadar, por exemplo, a tradución completa dos ambientes de escritorio GNOME e KDE, as distribución Debian ou Ubuntu entre outras, o entorno ofimático OpenOffice e a suite Mozilla, os cales son todos proxectos de traducións colosais. No seu conxunto, os produtos actualmente traducidos constitúen alternativa libre, carente de custo, ós produtos da empresa galardoada. Ademais, se falamos de soporte lingüístico, non hai máis ca botar unha ollada ós datos do que o software libre é quen de ofrecer. O ambiente de escritorio KDE tradúcese a un total de 103 linguas diferentes e GNOME a 110 linguas e non só se limita ás maioritarias coma o Chinés ou o Ruso senón que permite a tradución de calquera lingua coma as minoritarias coma o gaélico, o frisón ou o feroés. As linguas minoritarias non teñen interese económico para empresas como Microsoft e obvias. Finalmente, a Consellería de Industria da man de Mancomun.org, nos últimos anos veu apoiando o software libre e a tradución ó galego dun xeito decidido e comprometido e expresión deste apoio son o plano PEGSI [3] e os encontros de tradutores G11N [4] así como que se conseguiran determinadas traducións, coma OpenOffice ou Mozilla. En conxunto, valoramos estes esforzos coma positivos. Por iso, ademais de polos motivos anteriores, apreciamos a concesión do galardón, a suxestión da Consellería de Política Lingüística, coma un xiro na dirección oposta e incorrecta. Porén, confiamos e desexamos que a política futura do goberno galego avance apoiándose no software libre e erradicando manifestacións incoherentes coma esta. [1] http://novas.xunta.es/node/14062 [2] www.trasno.net [3] http://www.sociedadedainformacion.eu/pegsi/presentacion.html [4] http://wiki.mancomun.org/index.php/G11n -------------------------------------------------------------------------------------------------------

