Boas:

Eu son un programador "da vella escola". Escomencei a traballar con
ordenadores (de principio, por hobby) cando os únicos recursos que
ofrecían era un monitor de 80x25, un teclado e unha (¡ou dúas!) unidades
de diskette (con sorte, un disco duro de 20 ou 40 MB). Despóis de
adicarme durante uns 15 anos a facer pequenos programas (ao principio,
en BASIC ou dBASE. Máis tarde, nos intres finais, en Delphi para
Windows) e a dar algunha que outra clase (de MS-DOS ou de programación
en dBase, C, etc.), cambiei de ocupación e estiven durante uns cinco
anos sen, prácticamente, tocar un ordenador. Por circunstancias de miña
vida, vinme obrigado a voltar a traballar nisto (obrigado é un xeito de
dicilo. Un traballo sempre é un traballo pero para mín a Informática é
un hobby, ao que lle dediquei moitas máis horas das que as que o
traballo en sí requería). Hai diso un pouco máis de tres anos. Durante o
tempo que estiven desconectado, o mundo da Informática cambiou horrores:
Agora xa non se trata de traballar nun equipo só, nen sequera nunha rede
local. Hoxe en día todo está orientado á Web. De xeito que estes tres
anos estiven adicado a poñerme ao día, a aprender algunhas cousas novas
e outras que coñecía mínimamente de antes: SQL, HTML, Javascript, etc.
Agora mesmo, véxome obrigado (en realidade, posto que a Informática é
para mín un hobby, véxome obrigado pero é un pracer) por un proxecto que
teño entre mans, a estudar PHP. Todos estes campos de estudo, non teñen
maior dificultade para mín porque, como xa dixen, eu controlo os
ordenadores case dende que funcionaban con diodos e, polo tanto, teño
claro cómo traballan, qué poden facer e qué non, e cómo o fan. De feito,
agora, xa case teño coñecementos dabondo como para poder desenvolverme e
levar a cabo aplicacións na Web.
Dende que retomei o tema, o meu interese centrouse (como non podía ser
doutro xeito, dadas as miñas ideas de cómo debería funcionar o mundo)
nos proxectos de software libre. Instalei Linux no ordenador (eu xa
probara Xenix no seu momento), borrei Windows (non o teño instalado nen
conto voltar telo) e escomencei a estudar a traballar. Agora que xa teño
un mínimo de coñecemento (máis que un mínimo; non aínda, claro está,
todo o preciso) e que, por fin, conseguín engancharme á rede, penso que
pode ser o momento de tentar colaborar no que eu poda facer. En esencia,
a miña colaboración pode consistir en axudar ás traducións das
aplicacións de software libre. Nunca estudei inglés (ao cabo, fixen un
curso de inglés básico por correspondencia hai uns anos, pero iso é unha
tontería ao final) pero, precisamente por terme adicado á Informática
cando os ordenadores mostraban as mensaxes de erro en inglés e pola miña
afición a tocar a guitarra (fundamentalmente, con cancións de
intérpretes de fala inglesa), son capaz de lelo e interpretalo bastante
ben, aínda que teño os meus problemas para redactalo (sobre todo, claro
está, cando se trata de falalo máis que de escribilo). Tampouco o meu
coñecemento do galego é exquisito, do(s) galego(s) normativo(s), aínda
que sexa a miña lingua materna (como a de moitos de nós). Considérome
totalmente capaz para, coa axuda dun diccionario e, se cadra dalgún
traductor, de facer traducións máis ou menos decentes. Dados os meus
coñecementos, eu estaría máis capacitado (e estaría máis interesado)
para facer traducións de cuestións técnicas (compiladores, páxinas do
manual, ...) que de aplicacións de usuario. Conste que, pese a todo, eu
estaría disposto a facer ese traballo meramente para contribuir á causa
(encantado) porque, no que a mín se refire, estou tan acostumado ver o
ordenador en inglés que, paradóxicamente, eu non instalaría esas
traducións para mín (tiven a oportunidade de ver funcionar o gcc en
castelán e facíaseme rarísimo: "Identificador no definido" en lugar de
"Undefined identifier"). Estou, dende os vellos tempos, tan habituado a
ver os "aparatos" en inglés que teño configurado ¡o móbil en inglés!.
Se pensades que a miña colaboración pode pagar a pena, contactade
conmigo en:
anxocarrilgonza...@gmail.com
Saúdos cordiais.
Anxo Carril González

Responderlle a