Pois iso: que facemos coa palabra "upstream"? Literalmente, e analizando a palabriña, viría a ser "arriba nun fluxo". Podémonos referir a un río (un fluxo de auga), pero no noso ámbito, o normal é que nos refiramos ao software
Lendo a "guía de referencia de novos mantedores de paquetes de Debian", explícasenos que hai que diferenciar claramente o que é un "mantedor dun paquete .deb" do que é un "mantedor upstream". O mantedor "upstream" é o que se encarga de "facer o software", e un mantedor dun paquete é "o que fai o paquete" con ese software. Isto lévanos a unha posible tradución de upstream: orixe. Tanto nun río como cando te remontas na "historia" dun software, ir cara "upstream" é ir cara a orixe. O nacemento do río, ou a "creación" do software. "Upstream" pode aparecer como adxectivo ou como substantivo (supoño que podería aparecer como adverbio tamén, estes angloparlantes sónchevos así). Supoño que, como adxectivo, "orixinal" podería acaer ben na maioría dos casos. Mantedor orixinal, programador orixinal, etc. Como substantivo, non o teño eu tan claro. "Manda tal parche a <upstream>", por exemplo. "You could make these changes upstream", ""this bug is originated upstream", eu que sei... Nestes casos, e salvo que a alguén se lle ocorra algún palabro ou frase que recolla o significado, penso que "orixe", sen máis, non ía quedar nada claro. Algunhas outras palabras que me pasan pola cabeza ao ler "upstream" serían: antecesor, fonte, predecesor, provedor, creador, "programador"(no caso do software, claro), "remontar", ... Supoño que tamén se podería deixar "upstream", claro. Opinións? -- Saúde, Chaves - http://chav.es

