Ola, Hoxe estiven retomando o traballo de mellora do proxecto «hunspell-gl».
No wiki de Trasno, na páxina do corrector[1], hai unha sección con listas de palabras que o corrector dá por malas, e que entendo que quen as engadiu á lista consideraba que debían darse por boas. A lista era inmensa. Xa eliminei as entradas que o Hunspell daba xa por boas, e eliminei tamén aquelas que o DRAG indica explicitamente que son incorrectas (o Hunspell, para estes casos, estaba xa preparado para suxerir a alternativa correcta). Ademais, marquei en verde aquelas que o DRAG dá por correctas, e que se engadirán ao corrector de contado. Porén, quedan outras moitas entradas sobre as que o DRAG non se pronuncia (non as dá por correctas, nin por incorrectas). E non sei que facer con elas. Que criterio ha de seguirse? As que forman parte dos acordos das trasnadas van ir nun módulo de seu, “trasno”. Pero co resto de entradas, non sei que facer. Non quixen eliminalas da lista de momento, xa que se hai unha fonte pro-RAG que as contemple (por exemplo, un dicionario específico dunha temática, como pode ser este con vocabulario da televisión[2]), poderíase crear un módulo para o vocabulario contemplado nesa fonte en concreto (por exemplo: «televisión»). Pero ese exemplo de fonte pro-RAG é o único que coñezo, e non sei con que clase de fonte se poderán contrastar termos coma «minusvalorar» ou «profesionalizar». En fin, agradezo calquera achega. Un saúdo, Adrián PS: *Leandro*, tes actualizado cos resultados da Trasnada 12.1 o aplicativo web que pasaras despois da 12.0? Teño pensado usalo para crear o módulo “trasno”, e en calquera caso cómpreme telo a man cando traduzo. -------- [1] http://wiki.trasno.net/Corrector_Hunspell#L.C3.A9xico_espec.C3.ADfico [2] http://www.cirp.es/pub/docs/cite/dicTV.pdf
_______________________________________________ Proxecto mailing list [email protected] http://listas.trasno.net/listinfo/proxecto

