O 13 xaneiro 2016 22:33, Dani <d...@damufo.com> escribiu:
> Seguramente teña todas estas dúbidas porque non teño información
> suficiente...

Tes toda a razón.

A explicación é tan sinxela coma triste: Os cartos. O dono de Ir Indo
está de retirada profesional e empresarial. O Dicionario en versión
web foi unha aposta moi forte e valente no seu momento, nos anos 2000,
pero non podía ter continuidade por motivos financeiros. Bieito Ledo
levaba xa anos tentando darlle unha saída, alguén que se ocupase del.
Finalmente parece que caeu na Xunta, supoño que como última opción.

Con todo fixádevos que se segue a anunciar como o máis completo e
"actualizado" dicionario de galego na rede. Actualizado con respecto
aos temas que trata, o único con equivalencias noutros idiomas e ata
hai moi pouco o único no que no que atopabas definicións de acepcións
por temáticas (como informática) e por iso segue a ser certo que é o
máis completo.

Non esquezades que tamén Bieito Ledo foi o responsable da EGU
(https://gl.wikipedia.org/wiki/Enciclopedia_Galega_Universal), con
200.000 entradas nada menos e hoxe desaparecida na rede, aínda que
algúns témola en formato papel. A edición en papel puido financiarse
(La Voz, Fenosa, etc. ) e monetizarse, aínda que non creo que fose
rendible. O formato web de consulta pública como se rendibiliza para
mantela?

Algúns lembraredes: No seu momento, os membros de Proxecto Trasno
tivemos acceso privilexiado aos contidos do Dicionario léxico, cando
se tentou un acceso mediante subscrición de pago. Nós tiñamos unhas
claves que nos permitían consultalo sen límite e propoñer melloras. Se
iso non funcionaba para prensa internacional en español imaxinade para
o dicionario de Ir Indo.

En resumo, pola parte de Bieito, chapó, pola parte da Xunta é presumir
de facerse cun cadáver. Polo menos, de momento, sen saber se hai algún
futuro para el e na miña exclusiva opinión que non tedes por que
compartir.

Antón
_______________________________________________
proxecto mailing list
proxecto@trasno.net
http://lists.trasno.net/cgi-bin/mailman/listinfo/proxecto

Responderlle a