Ola a todos!

como saberedes, hoxe as 19:00 era a presentación do que se veu en chamar *Vive
en galego* <http://www.viveengalego.com/>, que básicamente é algún tipo de
colaboración da que non temos constancia explícita de en que consiste entre
a Xunta e Microsoft para, sete meses despois do seu lanzamento, poder
dispoñer dun engadido que se debería instalar porriba do Windows7 para telo
en galego. Tratándose dun sistema privativo, nun principio a min (e supoño
que a todos os destas listas) resúltame indiferente. Excepto en dous puntos:

- A colaboración (non explicitada) dun organismo público cunha compañía
multinacional e multimillonaria, provéndolle recursos que desde a comunidade
de tradutores se leva tempo pedindo sen éxito, e sen saber se o traballo
feito por organismos dependentes da administración pública (léase Termigal),
vai revertir no aproveitamento público de tal traballo
- O desprezo que supón para unha comunidade de voluntarios que levan dende
fai mais dunha década traballando para lograr a galeguización do software
libre, cun apoio mais que mellorábel, e que consegue logros moito mais
importantes sen necesidade de tanta dilación e sen o apoio debido das
institucións públicas. (Poño como exemplo http://trasno.net/node/6
http://trasno.net/content/acaba-de-publicarse-opensuse-113-e-t%C3%A9mola-en-galego
http://trasno.net/content/saiu-mandriva-linux-20101-e-t%C3%A9mola-en-galego
http://trasno.net/content/meego-acada-o-100-na-s%C3%BAa-localizaci%C3%B3n-ao-galego-da-man-de-proxecto-trasno
http://trasno.net/content/o-navegador-chromium-e-o-so-chromeos-traducidos-ao-galegoe
outros só no último ano e medio. Céntrome en Trasno por ser o que
coñezo
de primeira man, pero non esquezo a labor doutros proxectos)

Como consideramos que nos toca de cheo, Leandro Regueiro e eu, membros de
Trasno, acudimos a presentación para tentar informarnos e ver de obter
respostas dos principais implicados

A crónica en vivo ( e en plan carallán, que lle queredes. Como diría
Castelao, hai que rir, que a cousa é seria) funa subido ó twitter :
http://twitter.com/#!/Xabier_V

E agora mais en serio espero transmitirvos o ocorrido e as miñas conclusións
(confío en que Leandro, moito mais ó tanto ca min, poida aportar algo cando
teña tempo)

A presentación transcorreu co guión esperado: presentación dunha estrela do
panorama televisivo galego, pequena actuación de Susana Seivane e comezo das
intervencións.

En primeiro lugar falou a xerente de Relacións Institucionais de Microsoft
Ibérica, Montserrat Pardo Bayona. Digamos que se limitou ó seu papel de
comercial. O único salientable a título persoal é que tentou facelo en
galego sen conseguilo. Valoro o esforzo, pero dado o resultado tería sido
moito mais produtivo e respectuoso que o tivese feito en castelán, dígoo con
total sinceridade e sen afán de crítica. O que si critico é que o seu
discurso en torno á "necesidad de poder escoger" me recordou moito os
postulados de GB, o que digamos que non me sentou nada ben

Seguiulle un vídeo protagonizado polo presentador facendo o papel de
executivo traballando e facendo videoconferencia coa casa onde súa nai está
facendo o caldo, con remate final da familia arredor da lareira e cun
portátil. Supoño que pretendían transmitir a unión de tradición e
modernidade, pero non podo dicir que resultase. Persoalmente pareceume
afondar innecesariamente en tópicos sobre a sociedade rural galega.

Chegou a quenda de intervención do secretario Xeral de Política
Lingüística Anxo
M. Lorenzo Suárez. Hai que salientar que antes de que empezase a
presentación Leandro preguntoulle (estabamos en segunda fila, xusto detrás
del) se era él o tal SX e se podía facerlle unhas preguntas. En canto oíu
iso quixo saber de que "medio" eramos, e cando soubo que iamos en
representación de Trasno, dixo que en todo caso falaría con nós ó final do
acto. Creo que iso se traduciu en que nun punto do seu discurso mencionou os
voluntarios do SL, pero sen afondar no tema nin na antigüidade da comunidade
de tradutores.
Proseguiron tentando conectar por videoconferencia con galegos en diversas
partes do mundo: Barcelona, Bos Aires, Alemaña... pouco que engadir, salvo
problemas de "lag" (foi complicado chegar a ver a imaxe dos interlocutores,
aínda que se oían relativamente ben), e sobre todo a insistencia en que nos
estaban a ver dende 20 países. Que non sei por que limitalo a 20, supoño que
se alguén en Zimbawe quixera velo tamén podería, é o que ten internet.

Por último interviu o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria Xesús
Vázquez Abad. Fixo un discurso moi político, é dicir, falou moito pero non
dixo case nada. E o case para min veu a significar que se o galego aínda
existe hoxe en día é gracias a compañías coma MS, así que xa imaxinaredes
como me sentou, a min, que teño uns pais, posiblemente non mais vellos ca
el, dos que mamei galego e seguramente o mamarán os meus fillos cando os
teña, e que na vida puxeron as mans nun computador, pero crían os chuletóns
cos que esta xente se regala.

Como colofón final, outra actuación de Susana Seivane (non son especialmente
seguidor do folk, pero para min foi o aproveitable da tarde), e
posteriormente a desbandada.

Leandro tentou falar co SX, pero este habilmente derivouno ó director xeral
do Termigal (ou así se nos presentou). Tentou expoñerlle a necesidade de que
toda a documentación do traballo de tradución feito fose publicado e
liberado baixo licencias que permitisen a súa reutilización. En todo momento
nos dixo que si, que seguían os estándares ISO, que se queriamos que botasen
unha man co traballo de Trasno que tamén o farían, etc... pero cando lle
falou Leandro dos TBX non sabía o que eran. Nisto non estou ó tanto, pero
teño entendido que dende Trasno se intentou en varias ocasións solicitar
colaboración do Termigal e non se conseguiu. En resumo: moitos sis pero
ningunha información concreta (recordoume ó alcume de Baltar, Sisí
emperatriz, porque a todo di que si :P)

Na persecución do SX, topamos con outra muller, ó parecer pertencente a MS.
Desta conversa, un pouco mais tensa, o que sacamos en claro é que, segundo
ela, MS pagou por todo o traballo e que a Xunta non puxera un can.
Mencioneille o acto de propaganda alomenos, pero non seguiu co tema.
Ademais, os termos da súa relación co Termigal non coincidían co que
entendemos do DX deste. E por mais que digan que pagaron, segue a tratarse
de recursos dependentes da administración pública, polo que os resultados
deberían reverter no beneficio público. Insistiu en que MS creaba emprego e
empresas en GZ (en concreto coa tradución), e que era inviable para linguas
con tan poucos habitantes como o galego, o catalán e o euskera sacar os seus
productos directamente no idioma. Pregunteille polo danés (o primeiro que me
veu á cabeza, 6m falantes fronte a 13.5m do catalán, segundo a Wikipedia) e
dixo que ese claro que sí. Dixénlle que polo tanto para MS había linguas e
linguas de segunda, nas que só vale a pena invertir se hai compensacións
gubernamentais (entendase compensacións no sentido amplo, non necesariamente
monetarias)

Seguimos a nosa pescuda e batemos coa xerente de RI de MS. Foi o mais
surrealista da tarde. Prácticamente intentou vendernos os produtos de MS,
insistiu en que o que quería é que o tivésemos pasado ben e que o demais
esta tarde non importaba, e non sei por qué motivo nos dixo que o problema
das linguas como o galego, o catalán e o euskera era que non se empregaban,
e presumiu de ser unha catalana vivindo en Euskadi. Xa digo que non entendo
que nos di a nos, se estabamos falando en galego, nin de que parte de
Cataluña é, pois non é a miña experiencia nas veces que estiven alí de
pasada. Ata me serviu para aprender algo de catalán. E os anteriores 13.5m
de falantes creo que lle dan a réplica. Pero en fin, que o único que sacamos
é que levou a dirección de Leandro, en teoría para poñerse posteriormente en
contacto con el.

E finalmente, cando só quedaban os "pipas" recollendo o material,
acurralamos ó SX. Dixo que mellor falabamos outro día, que nos pasásemos
pola Secretaría. Teño entendido que xa se pediu cita con el con
anterioridade e que non houbo resposta, pero iso mellor que o confirme
alguén da directiva, que eu só estiven facendo labor de xornalista2.0 XD

Iso si, estivemos falando cun xornalista de http://www.codigocero.com/ , que
polo menos escoitounos amablemente, e incluso se ofreceu a levar a Leandro
de volta á Coruña. Lamentablemente, nin me acordei de preguntarlle o nome,
pero foi un pracer coñecelo, se chega a ler isto

E nada mais pola miña parte. Calquera dúbida, preguntade :)


PD: o tag #inestable no twitter ven de que tamén son membro de Inestable e
quedei de retransmitirlles o  evento, pero non se falou de que os fose
representando. Espero que iso non xere malentendidos nin problemas, pero en
calquera caso, se así fose, foi só responsabilidade miña.

-- 

Xabier Villar
_______________________________________________
Proxecto mailing list
Proxecto@trasno.net
http://listas.trasno.net/listinfo/proxecto

Responderlle a