Seria conveniente, práctico ou tería sentido que publicásemos unha nova no web recollendo todo aquel software, proxecto ou tarefa que necesita quen o atenda porque non hai ninguén a cargo ou non se percibe ningún avance?
A min pásame constantemente, atopo proxectos e aplicativos que me gustaría que se galeguizasen por ter un público obxectivo que non os coñece e lles podería sacar partido, ou que eu creo que teñen interese, pero que non hai nestes momentos quen o colla. Por exemplo, o pasado luns, todos os de Trasno que estivemos no I Congreso de Software Libre cientíco-tecnolóxico puidemos comprobar nas caras de ducias de profesores de matemáticas, informática, química, etc que non teñen moita idea máis alá de 3 ou 4 programas. Insistimos abondo en que non se pode esperar que a Administración os forme e que teñen que crear redes de usuarios. En concreto, a min pareceume escandaloso que nin sequera coñecen que existen vocabularios ou dicionarios da súa especialidade en galego (matemáticas, física, finanzas, etc) para apoiar un traballo de tradución. No entanto o que máis lles preocupa é como "integrar" o traballo apoiado con aplicativos nas dinámicas de clase. Os que están nunhas xornadas como estas son precisamente os máis dispostos... o que se necesita é que se interesen os que faltan, centos, e que a información flúa. Incluso taxámoslles o tempo que necesitarían, unha tarde dunha fin de semana ao mes e ofrecimos o apoio da xente de Trasno. A idea sería publicar unha nova, actualizable, que estea sempre nun lugar privilexiado, onde recolleriamos eses proxectos que merecen atención. Indicamos onde se pode un informar e a que tipo de sector do coñecemento adscribilo. Así por un lado promocionamos o software e por outro axudamos a canalizar esforzos de adaptación ao galego. É certo que non hai ningún outro grupo de localización que faga algo parecido, adoitamos informar só de parte do que facemos. _______________________________________________ Proxecto mailing list [email protected] http://listas.trasno.net/listinfo/proxecto

