Boas,

Para quen non estea familiarizado co xogo, dicir que cada unidade do xogo 
pertence sempre a unha “aliñación“ determinada, dividíndose en:
- legais ─atacan mellor polo día e peor pola noite─,
- caóticas ─atacan mellor pola noite e peor polo día─ e
- neutrais ─non lles afecta o momento do día─.

O caso é que agora engadiron unha cuarta aliñación moi rara (no sentido de que 
apenas aparece no xogo, segundo teño entendido): “liminal”. As unidades desa 
aliñación atacan mellor nos cambios de día, amencer e anoitecer (a secas, non 
atacan peor noutros momentos).

Ten que ser un adxectivo, sen ser necesario que o acompañe un substantivo 
(como adoita ocorrer coas habilidades e trazos do xogo na tradución ao 
galego), que exprese que a unidade está dalgunha maneira relacionada con iso, 
co cambio de día a noite e viceversa, como nun punto medio entre dúas 
realidades se o preferides.

Ocorréraseme «aureolar», como adxectivo de «aurora». Comenteillo hoxe á mañá a 
uns compañeiros de clase, e dixéronme que iso en todo caso referiríase ás 
aureolas (o da cabeza dos santos), e comprobándoo logo na Internet resulta que 
se trata dun verbo transitivo que nada ten que ver coas auroras.

Cando lles expliquei do que ía, suxeríronme buscar algún sinónimo de 
«transitorio». Ningún dos que vin no DRAG (provisional, temporal) me gustaron 
moito, pero o termo relacionado «pasaxeiro» pareceume interesante, como idea 
de «que vai de camiño entre o día e a noite». Ademais, como sinónimos deste 
último temos «pasadío» e «fuxidío» (palabra esta última que se emprega xa para 
dar nome á “elfa fuxidía”).

Así que de momento teño como posibilidades: transitorio, pasaxeiro, pasadío e 
fuxidío. Opinións? Máis alternativas?
_______________________________________________
Proxecto mailing list
Proxecto@trasno.net
http://listas.trasno.net/listinfo/proxecto

Responderlle a