Hai moito tempo que o Trasno está parado, aínda que algunha xente segue a traballar (menos mal).
Vaia, hai que recoñecelo: a web está detida en febreiro do 2004 (¿xa pasou tanto tempo?), non hai CVS desde aquela, os sistemas de estatísticas non funcionan, etc., etc. Incluso eu son inoperante como coordinador, e a pesares diso algunha xente consegue traducir cousas e todo :-) Isto non pode seguir así. O bo é que non vai seguir así. Pretendo tirar co Trasno embaixo e reconstruílo en tres dí... ben, pretendo reinicialo, dar unha etapa por rematada e iniciar unha nova, funcionando mellor. Ou simplemente funcionando :-) A miña idea co Trasno é que sirva para que distintos grupos independentes de tradución de software libre ao galego se poidan comunicar, e intercambiar experiencia e coñecementos. É dicir, no canto de ter varios equipos que forman parte do Trasno, ter varios grupos (os da tradución de GNU, os tolos do OpenOffice, o matado do instalador de Debian, etc.) que traballan de cadanseu xeito e a cadanseu ritmo, sen que o idiota do Jacobo lles entorpeza porque lle gosta máis KDE que GNOME ou porque o Pepiño que é o xefe da tradución de NetollaPlus lle cae mal; nembargantes, o Trasno había fornecer medios para que os distintos grupos se comunicaran entre eles e co exterior, e para ter algúns recursos e criterios comúns, pero sen ningún tipo de obriga. Estou pensando na lista de correo, nun portal, nun dicionario actualizado, etc. Ou incluso algún sistema para intercambio de ficheiros, pero só para grupos que non poidan ter o seu. En resumo, quero descentralizar o Trasno: despois de probar a centralización durante seis anos, creo que é un estorbo máis que unha axuda, así que quero repartir a autoridade e a responsabilidade, para que cada grupo se desenvolva o mellor que poida, pero contando coa axuda dos demáis e tamén do Trasno. Agora tedes unha semana para falar do tema. Quero os vosos comentarios, as vosas ideas, as vosas críticas, e todas esas cousas. Pero só ata o domingo á noite, que se non, eternizámonos e non avanzamos; o domingo á noite ou o luns á mañá retirarei a páxina web actual e irei preparándoo todo para o novo Trasno. A ver se resulta :-) -- Jacobo Tarrío | http://jacobo.tarrio.org/ _______________________________________________ Trasno mailing list [email protected] http://ceu.fi.udc.es/cgi-bin/mailman/listinfo/trasno

