Olá, 

Tal e como dixera, mirei a papelame toda e podo presentar un borrador de 
estatuto para a Asociación que se constitúa. 

Obviamente o borrador é criticable en moitos aspectos. Criticade a filosofía, 
a redacción, os termos empregados... todo. É importante que definamos 
correctamente:

- As intencións da asociación (Artigo 5º) 
- A pertenencia á asociación e tipos de asociados (Artigo 6º e 7º)
- O calendario de asambleas e duracións dos mandatos  ( nos últimos capítulos)

Collín o modelo que aporta a Xunta para o estatuto e simplemente modifiquei 
onde é necesario este modelo. O estatuto de GPUL é exactamente este modelo, só 
que está redactado menos verborreicamente. No anexo, os engadidos van en azul, 
notas en vermello.

[ !!! ] Para discutir o tema é mellor que indiquedes a que Capítulo afecta, 
citedes SÓ o articulo que discutades, e logo ofrezades unha alternativa. 

[EXPLICACIÓN DOS PUNTOS ENGADIGOS]

Capítulo I. Da Asociación en Xeral
- O nome: o interés é localizar, non só traducir, por iso vai no nome. Logo, o 
nome ten que ser preciso sengundo solicita a Xunta, con isto evítase 
conflictos de denominación (que tampouco os habería).

- O ambito é obviamente autonómico, e hai a posibilidade de rexistrar a 
asociación como tal

- Fins da asociación: Intentei definir e acotar con bastante precisión, de aí 
tanta verborrea. Resumindo,  traducimos, localizamos, promocionamos o traballo 
e apoiamos ós que fan todo isto, independentemente de que non pertenzan á 
sociación (vd. KDE e.v. ou a Gnome Foundation). É dicir, pretendín definir 
Trasno coma a matríz na que se apoia a comunidade e non como unha parte da 
comunidade. 

-Medios para conseguir os fins: resumindo: medios físicos e electrónicos para 
traballar e almacenar o traballo almacenado. Fixen énfase en que a asociación 
está obrigada a publicar todo o que se fai a través dela. 

Capítulo II. Dos asociados
- Resumindo: son asociados os que localizan e os que permiten que se localice, 
e os que apoian a asociación materialmente e financieiramente. Estes últimos, 
que chamei patrocinadores (individuos ou empresas), non terían deireito de 
voto (definido no artigo 9º) para evitar maniqueo da asociación. É unha figura 
exactamente como aparece tamén na Gnome Foundation e a KDE e.v. e.

Capítulo 3. Dos órganos da asociación
Non fixen cambios ó modelo: Hai un presidente, unha directiva e unha asamblea 
que elixe directiva e presidente. Puxen que o presidente se elixiria cada dous 
anos e a directiva anualmente. 

Nos demais capítulos non fixen cambios.



Saúdos, 

Miguel Branco


---------------------------------------------------------------------------------------------
BORRADOR INICIAL
---------------------------------------------------------------------------------------------

CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1º.- 1.- Constitúese unha asociación sen ánimo de lucro das previstas 
na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación. A 
asociación ten a seguinte denominación “Asociación para a  Localización de 
Software Libre Trasno"
2.- A asociación rexerase polos ditos estatutos, pola Lei orgánica 1/2002, do 
22 de marzo e pola demais lexislación existente en materia de asociacións que 
lle sexa aplicable.

Artigo 2º.- O domicilio principal e permanente da asociación radicará na 
localidade de …………………. rúa de ………………………………, nº ………. C.P. ……….. teléfono 
……………….., apdo. de correos ………….., correo electrónico ………………………………………. [ Nota: 
que debería se-lo domicilio do Elixido Presidente, excepto que haxa local 
propio da asociación, isto nun futuro ;) ]

Artigo 3º.- A asociación, en funcións dos seus fins e do emprazamento do seu 
domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito 
territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.- 1.-A asociación constitúese por tempo indefinido e só se 
disolverá, conforme a estes estatutos, pola vontade dos asociados expresada en 
Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación 
vixente.
2.- A asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco 
da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

Artigo 5º.- 1.- Son fins principais da asociación:
i.A promoción e difusión do software libre, dos seus valores e da relevancia 
para o interese xeral da sociedade sociedade galega, con énfase na 
posibilidade de empregalo en galego ou da posibilidade de contribuír a que 
estea nesta lingua.
ii.A localización de software libre ó galego, isto é, a adaptación deste 
software para que estea traducido a lingua galega, dispoña de servizos nesta 
lingua, como axudas e titoriais,  e ferramentas de soporte, tales coma 
diccionarios e correctores ortográficos. En xeral, facer que a comunidade 
galegofalante poida dispor de software libre adaptado ás súas necesidades e 
requerimentos lingüísticos e culturais. 
iii.Poñer a dipocición libre de todos cantos voluntarios queiran localizar 
software libre ó galego de ferramentas e material do que se poidan servir para 
realizar esta tarefa, sempre na medida do que a asociación poida. Igualmente, 
permitir o acceso a calquera persoa sen restricción nin trabas á tódolos 
recursos xerados da actividade da asociación e de tódolos contribuintes ora 
por medio dos proxectos de software libre que son localizados ora a través das 
canles propias da asociación.
iv.Dar soporte e axuda ós voluntarios, e en xeral a todas aquelas persoas 
interesadas, relativa a formación necesaria para poder contribuír á 
localización de software libre, sempre na medida do que a asociación poida. 
Isto inclúe a formación e axuda en aspectos tanto informáticos coma 
filolóxicos. 
v.Contribuír ó patrimonio lingüístico e cultural galego avanzando na 
incorporación do galego ó eido da informática, innovando na adaptación e 
desenvolvemento de terminoloxía propia para a lingua neste eido e poñendo a 
disposición pública os resultados destes esforzos.

2.- Para levar a cabo os seus fins, poderá a asociación organiza-las seguintes 
actividades:
i.Crear e manter a infraestrutura necesaria para que se realice ou facilite a 
tarefa de localización de software libre, se de soporte e axuda a esta, se 
posibilite a comunicación entre tódolos  asociados e voluntarios e se 
almacenen e distribúan os recursos xerados derivados da actividade de 
localización. Isto inclúe, ademais de medios físicos, a servizos a través de 
internet como páxinas web, listas de correo, foros, blogues e outros medios 
similares.
ii.Realizar xuntanzas para que os asociados e os contribunites á asociación 
avancen nos obxectivos da asociación.
iii.Realizar eventos para a formación en tódolos aspectos implicados na 
actividade de localización, con énfase na localización ó galego.
iv.A promoción e difusión da labor da asociación e dos seus fins por medio de 
simposios, charlas e outro tipo de eventos organizados, tanto convocados pola 
asociación coma a petición de terceiros.
v.Publicar artigos, libros e outros tipos de soportes, tanto impresos coma 
dixitais. 


Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente 
ó cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados nin 
outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.


CAPÍTULO II
DOS ASOCIADOS

Artigo 6º.
1- Poderán ser integrantes da asociación todas aquelas persoas físicas, con 
plena capacidade de obrar e as persoas xurídicas tralo acordo do seu órgano 
competente, que non teñan débedas pendentes coa asociación e que reúnan os 
seguintes requisitos:
i.Voluntarios que traduzan software libre ó galego ou realicen tarefas 
necesarias para que outros poidan traducir ó galego.
ii.Voluntarios que aporten coñecementos técnicos, no eido da informática, da 
lingüística ou doutros campos que poidan contribuír positivamente á labor dos 
tradutores de software.
iii.Voluntarios que axuden no mantemento da infraestrutura da asociación, 
contribuían á preparación de materiais de axuda de uso de software libre e 
produtos derivados deste ou que contribúan positivamente á difusión dos 
valores que ten e das actividades que realiza a asociación.
iv.Persoas físicas ou xurídicas que contribúan con medios ou financiación á  
asoaciación [Nota: non contarían con dereito a voto, pero si a voz nos órganos 
da asociación].


2.-Os acordos de admisión de asociados e asociadas tomaraos a Xunta Directiva, 
unha vez recibida a petición por escrito ou a través de medios dixitais 
seguros da persoa que desexa ser admitida. 

Artigo 7º.- Dentro da asociación poderán existi-las seguintes clases de 
asociados:

i.Fundadores, aquelas persoas que subscribiron a acta fundacional.
ii.Numerarios, aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á subscrición 
da acta fundacional.
iii.Honorarios, aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de 
xeito notable ó desenvolvemento dos fins da asociación.
iv.Patrocinadores, aquelas persoas que contribúen materialmente ou 
financieiramente á asociación


Artigo 8º.
1.-A condición de asociado pérdese:
i.Por vontade propia.
ii.Por incumprimento das súas obrigas ou a realización de accións que 
prexudiquen gravemente ós intereses da Asociación, previo expediente 
disciplinario, con dereito de réplica do afectado.
iii.Por falta reiterada do pagamento das cotas sen que haxa causa xustificada 
da imposibilidade de pago.
iv.Por falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.

2.-A expulsión de asociados e asociadas nos supostos dos apartados ii) e iii) 
do parágrafo anterior, será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia 
do interesado. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral 
Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición 
ordinaria.

Artigo 9º.- Os asociados e asociadas teñen os seguintes dereitos:
i.Participar nas actividades da asociación e nos órganos de goberno e 
representación, exerce-lo dereito de voto, así como asistir á Asemblea xeral, 
de acordo cos estatutos.
ii.Ser informado da composición dos órganos de goberno e representación da 
asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
iii.Ser oído con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra 
el e ser informado dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo 
motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
iv.Impugna-los acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei 
ou ós estatutos.
Os asociados e asociadas honorarios así como os patrocinadores están 
facultados para asistir ás asembleas xerais con voz, pero sen voto.

Artigo 10º.- Son obrigas dos asociados e asociadas:
i.Comparti-las finalidades da asociación e colaborar para a súa consecución.
ii.Paga-las cotas que se establezan.
iii.Desempeña-los cargos para os que foron elixidos.
iv.Acatar e cumpri-los acordos validamente adoptados polos órganos de goberno 
e representación da asociación.
v.Acata-lo contido dos estatutos.
vi.Ter unha boa conduta individual e cívica.


CAPÍTULO III
DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN

Artigo 11º.- A dirección e administración da asociación serán exercidas polo 
presidente, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

Artigo 12º.
1.- O presidente da asociación será designado pola Asemblea Xeral entre os 
asociados e o seu mandato durará 2 anos. Será asistido nas súas funcións por 
un vicepresidente, que o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou 
enfermidade.
2.- O presidente terá as seguintes atribucións:
i.Representa-la asociación perante calquera organismo público ou privado.
ii.Convocar e presidi-las sesións que celebre a Xunta Directiva; presidi-las 
sesións da Asemblea Xeral; dirixi-las deliberacións dunha e outra, e decidir 
con voto de calidade, no caso de empate.
iii.Executa-los acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
iv.Ordena-los pagamentos acordados validamente.
v.Asina-las actas, certificados, pagamentos e outros documentos da asociación 
xunto co secretario ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a 
elaboración do documento de que se trate.

Artigo 13º.
1.- A Xunta Directiva estará formada polo presidente da asociación, un 
vicepresidente, un secretario, un tesoureiro e vogais.
2.- Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán desempeñados de forma 
gratuíta, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente 
xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa 
asociación.
As persoas elixidas para estes cargos deberán carecer de interese económico 
nos resultados da actividade levada a cabo pola asociación.
3.- A Asemblea Xeral será a competente para elixi-los cargos da Xunta 
Directiva. A súa duración será por un período de 1 anos, aínda que poden ser 
obxecto de reelección indefinidamente.
4.- Os cargos cesarán na súa función por:
i.facelemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
ii.renuncia voluntaria.
iii.transcurso do prazo para o que foron elixidos.
iv.acordo de cesamento de toda a Xunta Directiva adoptado por 2/3 dos 
asociados reunidos en Asemblea Xeral extraordinaria convocada para tal efecto.
A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ó cesamento automático, senón 
que se deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de 
documentación e posta ó día do sucesor.
As vacantes que se puideran producir durante o mandato de calquera dos membros 
da Xunta Directiva, serán cubertas provisoriamente entre os ditos membros ata 
a elección definitiva pola Asemblea Xeral. En calquera caso, a Xunta Directiva 
debe estar integrada como mínimo por 3 persoas, que exercerán as funcións de 
presidente, secretario e tesoureiro.

Artigo 14º.- A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:
1. Programar e dirixi-las actividades asociativas.
2. Leva-la xestión administrativa e económica da asociación.
3. Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e 
gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
4. Convocar e fixa-la data da Asemblea Xeral.
5. Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e 
extraordinarias para os asociados.
6. Designa-las comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para 
o bo funcionamento da asociación.
7. Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non 
estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
8. Resolver sobre as solicitudes de ingreso de novos asociados.
9. Propoñe-lo plan de actividades da asociación á Asemblea Xeral para a súa 
aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
10. Resolve-los procedementos disciplinarios que se instrúan.
11. Aquelas que non veñan atribuídas expresamente á outro órgano da 
asociación.


Artigo 15º.
1.- A Xunta Directiva será convocada polo presidente, a iniciativa propia ou a 
petición de calquera dos seus compoñentes.
2.- Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser 
adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a 
concorrencia, polo menos, da metade máis un dos seus membros e, en todo caso, 
do presidente ou vicepresidente e o secretario ou persoa que o substitúa.
O secretario ou, no seu defecto, o vogal que o substitúa, levantará acta das 
sesións, que se transcribirá ó libro de actas.

Artigo 16º.- Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a 
propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de 
determinados actos ou actividades, ou de acadar delas as informacións 
necesarias. Formarán parte das ditas comisións o número de asociados que 
acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos presidentes.

Artigo 17º.- A Asemblea Xeral de asociados e asociadas é o órgano de expresión 
da vontade da asociación e estará formada por tódolos integrantes desta. O 
presidente e o secretario da asemblea serán o presidente e o secretario da 
Xunta Directiva.

Artigo 18º.- A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo 
unha vez ó ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta 
Directiva, ou o soliciten o 20% dos socios. Neste último caso realizarase por 
medio de escrito dirixido ó presidente, autorizado coas sinaturas dos 
solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

Artigo 19º.- A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente no período 
que vai desde o mes de Outubro ata o de Decembro Tanto a Asemblea Ordinaria 
como a Extraordinaria serán convocadas con 30 días de antelación polo/a 
presidente/a da Xunta Directiva.
A notificación farase nos locais da asociación e as canles ordinarias de 
comunicación da asociación a través de internet para as asembleas ordinarias e 
no domicilio dos asociados para as asembleas extraordinarias.

Artigo 20º.- Serán competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:
i.Aproba-lo plan de actividades.
ii.Examinar e aproba-las contas e balances do exercicio anterior.
iii.Aproba-los presupostos de ingresos e gastos para cada exercicio.
iv.Exame e aprobación das cotas.

Artigo 21º.- Serán competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria:
i.Modifica-los estatutos da asociación.
ii.Elixir e cesa-los integrantes da Xunta Directiva.
iii.Aproba-la federación con outras asociacións.
iv.Autoriza-lo alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
v.Acorda-la disolución da asociación.
vi.Designa-los/as liquidadores/as.
vii.Ratifica-la expulsión de asociados e asociadas a proposta da Xunta 
Directiva.
viii.Solicita-la declaración de utilidade pública da asociación.
ix.Aproba-lo regulamento de réxime interno da asociación.
x.As que sendo de competencia da asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou 
necesidade, non poidan agarda-la súa convocatoria, sen grave prexuízo para a 
asociación.
xi.Tódalas non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria ou a Xunta 
Directiva.

Artigo 22º. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída sempre que 
concorran a metade máis un dos asociados na primeira convocatoria ou 
transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de 
asistentes, pero, en todo caso, coa presenza do presidente ou vicepresidente e 
o secretario ou persoa que o substitúa.

Artigo 23º.- Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría 
simple dos asistentes ou representados, excepto os relativos ós apartados do 
i) ó vii) do artigo 21º, que requirirán maioría de dous terzos. A continuación 
levaranse os acordos ó libro de actas e asinarao o/a presidente/a, o/a 
secretario/a da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada 
pola Asemblea Xeral e aprobada pola maioría dos membros presentes.

Artigo 24º.- Os acordos adoptados conforme ós preceptos anteriores obrigarán a 
tódolos/as asociados/as, incluso ós/ás non asistentes.

As sesións abriranse cando así o determine o presidente. Seguidamente  
procederase por parte do secretario á lectura da acta da asemblea anterior que 
deberá ser aprobada.
Posteriormente, o secretario procederá a presenta-la orde do día. Cada punto 
será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, 
procedéndose ó debate e a aprobación dos correspondentes acordos nos termos 
contidos nestes estatutos, segundo a materia de que se trate.

Artigo 25º.- Os acordos que vaian contra estes estatutos ou infrinxan os fins 
da asociación poderán ser recorridos en reposición diante da Asemblea Xeral. A 
partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para 
recorrer perante a xurisdición ordinaria.

Artigo 26º.- 1. O secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, 
levará o ficheiro e o libro rexistro de asociados e terá ó seu cargo a 
dirección dos traballos administrativos da entidade. Correspóndelle, así 
mesmo, notifica-las convocatorias, custodia-las actas e expedir certificacións 
destas co visto e prace do presidente. O secretario tamén levará o inventario 
dos bens da asociación nun libro establecido para este efecto.
2. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade do secretario, o presidente 
designará entre os vocais a un que desenvolva esta función.

Artigo 27º.- 1. O tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á 
asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o presidente, 
levará a contabilidade da asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos 
e dos gastos asociativos, elaborará o borrador de orzamentos da asociación así 
como as contas de resultados e balances.
2. O tesoureiro ten a obriga de proceder ó peche do exercicio orzamentario 
antes do 15 de decembro, co fin de que as contas estean a disposición dos 
membros da asociación nos quince días anteriores á celebración da asemblea 
ordinaria.

Artigo 28º.- Os vogais terán as seguintes atribucións:
1.Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
2.Desempeña-los traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.


CAPÍTULO IV
RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 29º.- A asociación no momento de inicia-las súas actividades non dispón 
de patrimonio ningún. O peche do exercicio económico coincidirá co do ano 
natural.

Artigo 30º.- A asociación funcionará en réxime de presuposto anual, con 
partidas diferenciadas de ingresos e gastos. O borrador de presuposto será 
elaborado polo tesoureiro da asociación, que deberá telo preparado antes do un 
de xaneiro de cada ano, a fin de que poida ser aprobado na Asemblea Xeral 
Ordinaria.

Artigo 31º.- A asociación manterase dos seguintes recursos:
1.As cotas periódicas dos/as asociados/as.
2.As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas 
pola asemblea.
3.As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades 
privadas ou particulares.
4.Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da 
asociación.
5.Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non 
lucrativas.

Artigo 32º.- A Asemblea Xeral Ordinaria, a proposta da Xunta Directiva, 
aprobará tanto as cotas ordinarias como as extraordinarias que non serán 
reintegrables en ningún caso. O recadado adicarase a atende-las necesidades da 
asociación.

Artigo 33º.- Anualmente, con referencia ó ultimo día do exercicio económico de 
cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será 
posta a disposición dos/as asociados/as, durante un prazo non inferior a 15 
días ó sinalado para a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá 
aprobalas ou censuralas.

Artigo 34º.- Para a disposición de fondos das contas que a asociación ten nas 
entidades bancarias será necesaria a sinatura conxunta do presidente e do 
tesoureiro.

Artigo 35º.- Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser 
distribuídos entre os/as asociados/as os recursos obtidos pola asociación.



CAPÍTULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

Artigo 36º.- O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá 
aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos, como o 
procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva e o procedemento 
disciplinario, e non pode ir en ningún caso en contra do estipulado neles. En 
todo caso, o funcionamento interno da asociación estará sometido ó ordenamento 
xurisdicional civil.



CAPÍTULO VI
MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

Artigo 37º.- Os ditos estatutos só poderán ser modificados por acordo da 
Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto, adoptado polas 2/3 
partes dos asociados. A proposta de convocatoria deberá ir acompañada do texto 
das modificacións propostas.

Artigo 38º.- A asociación disolverase voluntariamente por acordo dos asociados 
adoptado polas 2/3 partes dos asistentes á Asemblea Xeral Extraordinaria 
convocada para tal efecto.

Artigo 39º.- Acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará 
tres asociados/as liquidadores, que xunto o/a presidente e o/a tesoureiro/a, 
procederán para efectua-la liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando 
créditos e fixando o haber líquido resultante.

Artigo 40º.- O haber resultante, unha vez efectuada a liquidación, doarase a 
outra asociación non lucrativa e inscrita na comunidade autónoma que teña 
iguais ou similares fins que os desta asociación.
O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións 
correspondente para proceder á inscrición da disolución da asociación.








Attachment: Borrador de Estatuto.odt
Description: application/vnd.oasis.opendocument.text

Responderlle a